Inicio Galicia A Xunta destaca en Ponte Caldelas a aposta pola dixitalización das pemes...

A Xunta destaca en Ponte Caldelas a aposta pola dixitalización das pemes galegas para fortalecer a súa competitividade e internacionalización

0

O director do Igape, Juan Cividanes, visitou a compañía Arnoia Distribución de Libros, onde salientou que os investimentos 4.0 reforzan o tecido empresarial galego


O director do Igape, Juan Cividanes, visitou esta semana a empresa Arnoia Distribución de Libros en Ponte Caldelas, onde puxo de manifesto o compromiso da Xunta no apoio á incorporación dos investimentos 4.0 e a innovación tecnolóxica nas pemes galegas para impulsar así o seu crecemento e internacionalización.

Cividanes indicou que o esforzo desta empresa de distribución editorial, unha das máis importantes do sector en España, coa modernización dos sistemas de almacenaxe, a distribución e os recursos humanos explica a mellora na súa competitividade. Arnoia Distribución de Libros ten participado nos últimos anos nos programas ReAcciona, Profesionais 4.0 e as axudas á dixitalización que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten activas co obxectivo de impulsar iniciativas que permiten avanzar na implantación da fábrica intelixente nos sectores produtivos de Galicia.

Nos últimos anos, co apoio das axudas á dixitalización, a empresa pontevedresa avanza na interconexión e dixitalización de tres áreas fundamentais da súa actividade: a almacenaxe, a administración e o persoal, coa creación dunha nova zona de reparto e empaquetado e un importante investimento en equipamento. Ademais, este proxecto inclúe a aposta pola interconexión con provedores e entidades financeiras.

Neste sentido, o director do Igape puido comprobar nas instalacións centrais de Arnoia –que emprega a 185 persoas– os avances que está a realizar co obxectivo de converterse na principal alternativa á distribución tradicional de libros e outros produtos. Creada na localidade pontevedresa en 1987, a empresa dispón do fondo bibliográfico máis extenso de todo o territorio español.

Arnoia conta cun plan director que vai desenvolver ata 2022 e que mobilizará máis de 12 millóns de euros para dotarse de infraestruturas e ferramentas pioneiras no seu sector, co obxectivo de dispor dunha plataforma intelixente para a distribución. Está a abordar a construción dunha nave duns 26 metros de altura, anexa ás instalacións actuais, que aloxará sistemas de almacenaxe automatizados e na que se incorporará equipamento avanzado en liña coa Industria 4.0.

Plan de reactivación económicaCividanes lembrou tamén que se mantén aberto o prazo de presentación de solicitudes para a última convocatoria das axudas á dixitalización, ata o vindeiro 7 de agosto. Cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), a Xunta destina 5,4 millóns de euros a este programa co obxectivo de facilitar a modernización e mellora da competitividade das empresas a través da interconexión dixital entre compañías vinculadas pola súa actividade e a dixitalización de procesos produtivos, ao tempo que se promove a xeración de iniciativas de colaboración.

Impulsando proxectos colectivos e individuais, os apoios desta liña poden acadar o 20% dos investimentos realizados por medianas empresas e o 30% no caso das empresas pequenas. Os gastos de colaboracións externas recibirán un 50% de apoio. Esta iniciativa inclúe unha subliña que impulsa a realización de cursos de dixitalización, que incentivan a creación de espazos de colaboración entre compañías para explorar solucións tecnolóxicas e a implementación de ferramentas dixitais colaborativas, así como oportunidades de hibridación entre sectores produtivos. Estes espazos están financiados ao 100%.

Estas medidas forman parte do Plan de reactivación económica que ten en marcha o Goberno galego. O obxectivo é facilitar a recuperación do tecido produtivo e que poida incrementar a súa competitividade, adaptándose ao novo contexto económico derivado da covid-19. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre