Inicio Galicia A Xunta destaca en Fitur a importancia de Termatalia para promocionar a...

A Xunta destaca en Fitur a importancia de Termatalia para promocionar a riqueza termal da nosa comunidade

0

A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presentou hoxe esta feira que este ano se celebrará na provincia arxentina Entre Ríos os días 17 e 18 de setembro

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe en Fitur na presentación da nova edición de Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar que se desenvolverá, co apoio do Goberno galego, o vindeiro mes de setembro na localidade arxentina Entre Ríos. Termatalia dende a súa creación, en 1997, é un certame que alterna a súa sede entre Ourense e un país iberoamericano, e este ano tócalle celebrar a súa quinta edición no exterior. Díaz Mouteira indicou que coas edicións anteriores celebradas en Perú, Arxentina, México e Brasil “Termatalia constátase como a feira de Turismo Termal máis importante a un lado e ao outro do océano Atlántico”.

Marisol Díaz resaltou a oportunidade que suporá Termatalia, un ano máis, para poñer de manifesto no mercado internacional a capacidade desestacionalizadora, diversificadora e o impulso económico que o termalismo está a ter en Galicia. “Teremos a posibilidade de amosar esta variada oferta de Galicia ao exterior, ensinando a calidade da infraestrutura moderna e diversificada dos nosos establecementos balnearios e talasos que xa constitúe o 20% da oferta termal de todo o Estado”, asegurou a delegada territorial.

A vixésima edición de esta feira desenvolverase entre os días 17 e 18 de setembro e convocará a profesionais de máis de 25 países. Na elección de Entre Ríos como sede desta edición foi determinante o feito de que é a provincia arxentina con maior número de establecementos termais, un total de 16, repartidos en 14 localidades. O peso de Arxentina no turismo de saúde iberoamericano suporá novas oportunidades de negocio para as empresas termais galegas.

Durante a súa intervención, Marisol Díaz puxo de manifesto a importancia de que Ourense promova e organice unha feira como esta que se consolida ano a ano como unha cita ineludible para o sector, un punto de encontro para todos os profesionais e un referente para a xeración de negocio.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre