Inicio Galicia A Xunta destaca en Ferrol que a modernización das oficinas de emprego...

A Xunta destaca en Ferrol que a modernización das oficinas de emprego permite facer máis accesible o servizo á cidadanía

0

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou esta mañá a oficina de emprego de Ferrol-Esteiro na que a Xunta levou a cabo unha remodelación integral cun investimento próximo ao medio millón de euros

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou esta mañá a oficina de emprego de Ferrol-Esteiro para coñecer de primeira man as medidas de seguridade implantadas como consecuencia da covid-19, así como a nova imaxe da oficina na que a Xunta levou a cabo unha rehabilitación integral.

O director xeral sinalou, dunha banda, que as 54 oficinas de Galicia están abertas en plenas condicións de seguridade e co seu horario habitual, de 9,00 a 14,00 horas, sendo necesario solicitar cita previa para garantir un adecuado control de aforo e acceso e organizar de forma axeitada os servizos á cidadanía.

Casal lembrou que a Xunta, para garantir unha apertura en plenas condicións de seguridade, elaborou a través do Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (Issga), unha guía de recomendacións fronte á covid-19 específica para oficinas de emprego, o que serviu de base para o desenvolvemento dun plan de continxencia para a reapertura.

Sobre a solicitude de citas previas, indicou que se poden pedir desde finais de xuño por calquera persoa interesada, a través do Portal de Emprego Galicia (emprego.xunta.gal) ou do servizo de atención telefónica 012. Ademais, a renovación automática da demanda estenderase ata o vindeiro 30 de setembro, deste xeito evitaranse desprazamentos innecesarios das persoas demandantes de emprego.

En todo caso, o director xeral salientou que a Administración autonómica segue a fomentar e ampliar os seus servizos non presencias, a través do Portal de Emprego e a aplicación Mobem. Co obxectivo de facilitar á cidadanía a realización destes trámites, desenvólvese polo persoal de orientación un programa específico de titorización dixital para persoas demandantes, así como unha campaña de vídeos informativos sobre as ferramentas e servizos telemáticos.

Sobre a oficina de Ferrol, Casal recordou que a Xunta levou a cabo unha rehabilitación integral, que contou cun orzamento próximo ao medio millón de euros. Entre as melloras que se fixeron destacou a mellora da accesibilidade coa instalación dun ascensor que conecta as dúas plantas e das instalacións de climatización e eléctrica, entre outros. Nova imaxeEstas obras enmarcáronse no plan de mellora que está acometendo a Xunta nas oficinas de emprego, unha iniciativa para modernizar este servizo que conta cun investimento de 7,7 millóns de euros ata 2020, para convertelo nun espazo de encontro, onde adquirir competencias que faciliten a inserción laboral.

O plan de modernización inclúe a renovación da imaxe das oficinas de emprego de Galicia, como foi o caso de Ferrol, e dos centros de formación para o emprego co obxectivo de dar unha resposta axeitada ás demandas actuais das empresas e demandantes de emprego e mellorar as condicións do persoal das oficinas. Así, a oficina de Ferrol luce a nova imaxe corporativa renovada e conta con espazos máis abertos para facer accesible o servizo público aos cidadáns.

Casal, para rematar, puxo en valor o traballo que realiza o persoal das oficinas de emprego, destacando que desde o comezo do estado de alarma os traballadores continuaron co seu labor, atendendo unha media de 2400 chamadas diarias e realizando máis de 150.000 trámites en Galicia.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre