Inicio Galicia A Xunta destaca as vantaxes da Lei de recuperación e posta en...

A Xunta destaca as vantaxes da Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria para as zonas de interior e de montaña

0

José González salientou que os grandes obxectivos deste futuro texto legal son frear o abandono e facilitar base territorial ás explotacións, procurar anticiparse aos lumes, recuperar a demografía e mellorar a calidade de vida no rural

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta tarde na Pobra de Trives nun acto organizado pola Asociación de Gandeiros do Macizo Central (Agromacen) para explicar a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia. Este encontro enmárcase na rolda de contactos que a Consellería está a manter con diferentes sectores económicos e sociais vinculados co rural para darlles conta, polo miúdo, dos contidos e obxectivos desta iniciativa lexislativa, que iniciará proximamente a súa tramitación.

A esta xuntanza, na que tamén participou o deputado popular Moisés Blanco, asistiron agricultores, gandeiros, outros cidadáns interesados na iniciativa e tamén representantes municipais de diferentes concellos do Macizo central ourensán e da comarca de Terra de Trives. Nela, José González explicou que esta norma complementa e desenvolve o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Este texto sinalaba na súa exposición de motivos que Galicia se dotaría con iniciativas futuras dun conxunto de normas para constituír un corpo xurídico coherente e eficaz cara á contribución do espazo agrario e dos seus sistemas produtivos, co obxectivo de mellorar a calidade de vida do medio rural.

Deste xeito, o conselleiro indicou que, xunto coas concentracións parcelarias públicas reguladas na Metaga e que se seguirán decretando, na nova lei apostarase por mecanismos de mobilización que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras. O obxectivo último das dúas normas -da Metaga e da futura Lei de recuperación- é mellorar a estrutura territorial das explotacións agrogandeiras e forestais galegas, favorecendo a súa rendibilidade. Nesta liña, o conselleiro trasladou tamén que a futura norma xorde como resultado das conclusións do Ditame da comisión parlamentaria forestal tras os lumes de 2017, recollendo 22 das súas recomendacións. Dos seus contidos, destacou en particular unha das figuras que creará, o Banco de Explotacións. Este será un instrumento público de mediación que terá por finalidade facilitar a posta en contacto entre titulares de explotacións que abandonan a actividade e persoas interesadas na súa incorporación. A finalidade é garantir a continuidade das explotacións e así loitar contra o seu abandono e o das terras que as conforman. Desta forma, insistiu, fomentarase a remuda xeracional no agro galego para consolidar o futuro do noso rural. Ademais, o titular de Medio Rural sinalou que con esta nova lei tamén se apostará por mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Neste mesmo sentido, José González indicou que a principal motivación da futura lei é loitar contra o abandono e a infrautilización, facilitando base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, ao tempo que se procurará anticiparse aos lumes e traballar pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural. O conselleiro dixo tamén que esta norma facilitará, entre outras cousas, o contacto entre os interesados en poñer a producir os predios e os seus propietarios e promoverase a recuperación produtiva das terras agroforestais a través de diversos mecanismos voluntarios baseados nos arrendamentos ou na compra-venda, entre outros. Para todo isto, contémplanse tamén beneficios fiscais e outras medidas de fomento de proxectos de recuperación de terras. Tamén se impulsarán dous instrumentos clave, como son o Banco de Terras, que se axilizará, e o xa citado Banco de Explotacións.

Axudas aseguradasNeste acto, José González reiterou ademais que a Consellería manterá cara o ano 2021 todas as axudas en materia agrogandeira, posto que os fondos para o chamado “período transitorio” da PAC van proceder do orzamento da Unión Europea asignado a Galicia para ese mesmo ano. Fixo especial referencia á continuidade das achegas para zonas de montaña e desfavorecidas, que teñen unha incidencia moi positiva nestas bisbarras do oriente ourensán.

O conselleiro lembrou que a permanencia das axudas conta co respaldo da Comisión Europea, que confirmou que os estados membros poderán contar co orzamento preciso para levar a cabo as correspondentes convocatorias. Ademais, puxo en valor o informe con argumentos de especialistas na materia da USC que avala, precisamente, esta cuestión e sobre o que xa foron informados os membros do Consello Agrario Galego na súa última xuntanza de hai uns días. José González quixo así lanzar unha nova mensaxe de tranquilidade aos agricultores e gandeiros, sobre todo en relación co mantemento das referidas axudas agroambientais en zonas de montaña nos anos 2020 e 2021, tal e como estaba previsto.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre