Inicio Galicia A Xunta destaca a trascendencia da PAC no agro galego e reitera...

A Xunta destaca a trascendencia da PAC no agro galego e reitera que seguirá traballando para que respecte as particularidades do noso rural

0

José Balseiros explicou que a Consellería do Medio Rural actúa tamén noutros ámbitos, como as futuras leis de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia e de xestión dos residuos agrogandeiros

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou esta mañá na Pobra de Trives nunha xornada formativa sobre a PAC promovida pola Asociación de Gandeiros do Macizo Central (Agromacen). Alí, o director xeral destacou a importancia que teñen as axudas da Política Agrícola Común para o agro galego, xa que en cada campaña da PAC uns 24.600 agricultores e gandeiros da nosa comunidade reciben arredor de 210 millóns de euros por este concepto. Cara ao futuro, Balseiros indicou que Galicia segue apostando por unha PAC común para toda Europa, pero que teña en conta as peculiaridades de Galicia.

Por iso, o director xeral lembrou que o propio conselleiro José González defendeu esta semana en Bruxelas medidas como a obrigatoriedade dos pagos redistributivos dende as grandes explotacións ás pequenas, que son as características da nosa comunidade. Tamén sinalou que Galicia avoga por prorrogar o PDR para garantir a continuidade de todas as liñas de axudas no 2021 e por un pacto verde europeo que favoreza a adaptación transitoria das actividades agrícolas a ese enfoque ambiental.

José Balseiros salientou que ademais de xestionar estas subvencións, a Consellería do Medio Rural traballa tamén noutros eidos de especial interese para o sector, entre os que citou as futuras leis de recuperación e posta en valor da terra agraria e a de xestión dos residuos agrogandeiros, así como a mesa estratéxica do sector lácteo.

Mobilización das terrasEn relación coa primeira destas normas, sinalou que contribuirá a dinamizar o territorio rural e que complementará e desenvolverá o marco legal actual culminando un camiño iniciado pola Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Deste xeito, xunto coas concentracións parcelarias que se seguirán decretando, na nova norma apostarase por mecanismos de mobilización voluntarios de posta en valor que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras como son os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupacións de xestión conxunta da terra ou as permutas de especial interese agrario. Nesta mesma liña, tamén destacou que se reforzará o Banco de Terras e que se creará o Banco de Explotacións, un instrumento público de mediación que porá en contacto aos titulares de explotacións que abandonan a actividade con persoas interesadas en tomar o relevo. O obxectivo é garantir a remuda xeracional para evitar o abandono do rural.

A maiores deste obxectivo principal de consolidación de poboación no agro, José Balseiros indicou que este texto legal buscará facilitar máis base territorial a aquelas explotacións que a precisen, ao tempo que se procurará previr os incendios e traballar pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida no rural. Por iso, ademais dos mecanismos voluntarios de mobilización de terras, a nova norma contemplará beneficios fiscais e outras medidas de fomento de proxectos de recuperación.

Xestión das dexeccións gandeirasSobre a futura lei reguladora do sistema integrado para a xestión das dexeccións gandeiras xeradas en Galicia, o director xeral explicou que se está elaborando na procura do máximo consenso posible con todos os axentes implicados. Dixo tamén que esta norma permitirá contar cunha ordenación legal da produción, recollida, transporte, almacenamento e xestión dos xurros e estercos das explotacións gandeiras galegas, ademais de establecer un sistema integrado de xestión que garanta a trazabilidade destes produtos ata o seu tratamento final. Deste xeito, engadiu, dáse cumprimento ás esixencias medioambientais da Unión Europea nesta materia.

Así, Balseiros insistiu en que o obxectivo final desta norma é acadar a “xestión integral das dexeccións en Galicia dende a explotación gandeira ata o tratamento final dos xurros e estercos”. Deste xeito, ademais de especificar o proceso a seguir con estes residuos, facilitará a produción de enerxías verdes para o autoconsumo. Ademais, segundo o director, redundará na calidade ambiental dos produtos gandeiros galegos e, polo tanto, aumentará o seu valor.

Por último, o director xeral explicou tamén na súa intervención as melloras previstas na atención aos agricultores e gandeiros -especialmente para aqueles que residen en zonas de montaña- mediante servizos nos que está a traballar a Consellería, como son o matadoiro móbil ou a oficina agraria móbil.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre