Inicio Galicia A Xunta destaca a quenda de garda psicolóxica como piar na atención...

A Xunta destaca a quenda de garda psicolóxica como piar na atención integral e especializada ás vítimas da violencia de xénero

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, recalcou que o servizo é permanente durante todo o ano para as vítimas e os seus fillos e fillas menores

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, defendeu hoxe en comisión parlamentaria a importancia da quenda de garda psicolóxica permanente para garantir ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos e fillas menores unha atención integral e especializada durante todo o ano desde o momento posterior á situación de violencia.

O Goberno galego asinou o pasado abril un novo convenio de colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para poñer en marcha un servizo de garda psicolóxica que consolida un programa que se concibiu de maneira pioneira en España a finais de 2018.

Este servizo ten como obxectivo detectar as necesidades psicolóxicas da persoa en situación de violencia de xénero e axudarlle a entender e visibilizar tamén a dos seus fillos e fillas, facilitar a súa cobertura, previr a posibilidade de vitimización secundaria, buscar a coordinación co resto de operadores que estean a intervir na situación e facilitarlle información sobre os recursos de axuda á súa disposición na comunidade.

A quenda de garda psicolóxica actívase de forma inmediata nos casos de urxencia e garante a presenza dun profesional desde o momento posterior de producirse unha agresión. A atención psicolóxica terá carácter inmediato para casos de urxencia, e prestarase en todos os partidos xudiciais galegos a requirimento das forzas e corpos de seguridade do Estado radicados en Galicia, da Policía Autonómica e da Policía Local.

O procedemento de activación comeza cunha chamada ao Teléfono de Información ás Mulleres, 900 400 273, operativo as 24 horas dos 365 días do ano, que á súa vez porase en contacto coa persoa da quenda de garda correspondente para garantir a presenza inmediata dunha psicóloga ou psicólogo no lugar sinalado polas forzas e corpos de seguridade.

A este servizo de atención psicolóxica sumouse o pasado maio a quenda de garda social especializada e permanente, para o acompañamento a mulleres vítimas de xénero e aos seus fillos menores. Este convenio entre a Xunta e Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia permite un apoio integral desde o momento que se presenta a denuncia, cando as vítimas poderán dispoñer dun profesional que lles prestará información sobre axudas e recursos.

Ambas iniciativas inscríbense no marco das medidas previstas polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que establece a necesidade de habilitar un sistema de acompañamento e de axuda na toma de decisións a mulleres vítimas da violencia de xénero.

Protección e asistenciaA Xunta e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia colaboran noutros convenios para garantir a protección e asistencia das vítimas. A través do programa de atención psicolóxica a mulleres e menores que sofren violencia de xénero, así como de forma complementaria a outras persoas do seu entorno familiar que padezan situacións de violencia, atendéronse o ano pasado 792 persoas (562 mulleres, 201 menores e 29 persoas dependentes). Este ano inclúense como potenciais beneficiarias desta atención ás mulleres que padezan o asasinato das súas fillas e fillos a mans do maltratador.

Pola súa banda, o programa “Abramos o círculo”, dirixido a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar atendeu a un total de 86 homes.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre