Inicio Galicia A Xunta destaca a necesidade de integrar a perspectiva de xénero no...

A Xunta destaca a necesidade de integrar a perspectiva de xénero no sistema de xestión da prevención de riscos laborais da empresa

0

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, informou hoxe en Lugo desta nova acción do Issga que pretende fomentar as boas prácticas de seguridade e saúde laboral desde unha perspectiva de igualdade de xénero


A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, informou hoxe da nova acción do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) Integración da igualdade na prevención de riscos laborais, que pretende fomentar o coñecemento de boas prácticas de seguridade e saúde laboral desde unha perspectiva de igualdade de xénero.

Así, inclúense recomendacións xerais como garantir que a actividade preventiva chegue por igual a mulleres e homes, contar coa variable de sexo nas estatísticas e enquisas e establecer indicadores que permitan facer un seguimento.

Entre as medidas específicas destacan a representación equilibrada nos procesos de consulta e participación, o fomento da presenza de mulleres nos órganos de participación especializada na prevención ou a formación e información nesta área. Tamén dar visibilidade ás diferenzas entre homes e mulleres en canto á exposición de riscos laborais e as súas consecuencias, así como constituír grupos de traballo con presenza equilibrada. No eido da formación, recoméndase ter en conta a perspectiva de xénero na planificación da formación e da información en aspectos como os horarios ou os contidos e informar da disposición de equipos de protección individual diferenciados en función das condicións anatómicas e fisiolóxicas de homes e mulleres. En todo este tipo de información evitaranse as mensaxes e imaxes que contribúan a perpetuar estereotipos de xénero. Por último, no ámbito da vixilancia da saúde, o Issga recomenda que esta sexa individual tendo en conta os aspectos de xénero, valorar se os riscos poden afectar á saúde reprodutiva ou recoller os datos de accidente e enfermidade laboral desagregados por sexo, entre outras medidas.

Previamente, a secretaria xeral asistiu á xornada Risco laboral durante o embarazo e a lactación: aplicación práctica das guías de axuda para a valoración a nivel técnico-sanitario que se celebrou no centro Issga de Lugo. Os asistentes tiveron ocasión, ademais, de informarse sobre a xestión da prestación pola mutua e da intervención do servizo de prevención na maternidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre