Inicio Galicia A Xunta destaca a importancia de impulsar o comercio de proximidade no...

A Xunta destaca a importancia de impulsar o comercio de proximidade no concello de Bande

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo en Santiago de Compostela unha reunión co alcalde da localidade ourensá, José Antonio Armada


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo en Santiago de Compostela unha xuntanza co alcalde de Bande, José Antonio Armada, na que abordaron, entre outros temas, o impulso que está a dar o departamento autonómico a áreas como o comercio de proximidade e a súa dixitalización, a creación de emprego no rural e a dinamización da actividade económica e empresarial.

Conde expuxo as vantaxes da nova iniciativa autonómica, Comercio 360, coa que a Xunta está apostando pola dixitalización comercial, a economía circular e o produto local. O obxectivo principal desta acción é darlle un pulo ao sector mellorando tanto a súa competitividade como a súa modernización. As novas medidas, que xa están en marcha, pretenden dar resposta ás demandas dos clientes, anticipándose ás súas necesidades, e adecuarse aos novos hábitos que se teñen detectado no eido comercial.

Comercio 360 desenvolverase ata 2021 destinándose neste primeiro exercicio en Galicia 5,7M€ para poñer en funcionamento medidas de sensibilización, axudas para a ecoinnovación e laboratorios comerciais, que se suman ás de modernización e dixitalización do comercio de proximidade que convocou este ano a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Nesta área, destaca a axuda que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou á remodelación da antiga praza de abastos de Bande para a posta en marcha do novo Mercado Xurés.

Conde, ademais, puxo en valor os programas de emprego que a Administración autonómica está a impulsar co obxectivo de incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas, con especial atención ao rural, e para ofrecer unha formación á carta, flexible e dual e adaptada ás demandas do tecido empresarial. É o caso de iniciativas como os programas de Aprol Rural -para a contratación de desempregados- ou os obradoiros de emprego -de formación e emprego-, axudas das que o Concello de Bande é beneficiario. Outros apoios que recibiu este Concello en materia de emprego están vinculadas coa contratación de socorristas e de persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga).

A Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu desde 2009 no Concello de Bande máis de 2,8 millóns de euros para apoiar, entre outros, a creación de postos de traballo no rural e entre os colectivos con menos oportunidades, a eficiencia enerxética e o labor dos autónomos.

Conde, por último, referiuse na reunión ás vantaxes que ofrece ser Concello Emprendedor como é o caso de Bande. Pertencer a esta iniciativa da Xunta permite aos concellos ter prioridade en programas de axudas vinculadas ao emprego e a formación, á dinamización comercial ou á eficiencia enerxética. A cambio, o Concello comprométese a rebaixas nos impostos locais de ata o 95% e a ofrecer máis facilidades no eido da tramitación administrativa para favorecer a captación de novas empresas e novos investimentos no municipio. Adherirse a este convenio que a Xunta ten firmado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) é, segundo Conde, mostrar interese pola dinamización da actividade económica e empresarial do rural en Galicia.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre