Inicio Galicia A Xunta destaca a importancia de denunciar a través do 012 os...

A Xunta destaca a importancia de denunciar a través do 012 os danos provocados polo xabaril e lobo

0

A directora xeral de Patrimonio Natural mantivo unha reunión con representantes da Asociación agrogandeira do Macizo Central (Agromacén), aos que lles recordou que na vindeira tempada se ampliará en case un mes o período hábil de caza


A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, destacou esta mañá que é de especial importancia que os danos provocados pola fauna silvestre sexan denunciados a través do teléfono 012, polo que invitou ao colectivo a trasladar os seus casos particulares a través desta vía de comunicación.

Belén do Campo mantivo esta mañá unha reunión co presidente de Agromacén (Asociación agrogandeira do Macizo Central), Pedro Rodríguez Parente, e o enxeñeiro de Montes, Roberto Pereiras Guinarte, aos que lles solicitou que fagan extensivo aos membros da súa asociación este protocolo, ante un caso de ataque de lobo ou xabaril e recordou que a Xunta de Galicia ten convocadas varias ordes de axudas, por un importe de 1,4 millóns de euros, para paliar e previr os danos que provocan as especies silvestres sobre os cultivos agrarios (no caso do xabaril) ou nas explotacións gandeiras (no caso do lobo).

Indicou que o Goberno galego está a tomar medidas para paliar os danos que as especies cinexéticas causan nas explotacións, como o feito de que a vindeira tempada de caza ampliará en case un mes o período hábil para a captura de xabarís. Esta decisión foi aprobada na reunión do Comité Galego de Caza e contou co consenso dos representantes do sector na reunión. Así, a vindeira tempada dará comezo o 24 de agosto de 2019 e rematará o 29 de febreiro de 2020. Non obstante, os xoves, sábados, domingos e festivos seguen a manterse como xornadas hábiles para a caza.

Cómpre recordar que estas iniciativas forman parte da estratexia deseñada polo grupo de traballo interdisciplinar para o control de danos causados polo xabaril promovido desde a Consellería, na que tamén se recollen medidas como o emprego de novos métodos selectivos de captura ou a aposta por novas regulacións, como a próxima norma autonómica para o subministro e comercialización da carne de caza maior abatida en Galicia, cuxo proxecto de decreto vén de publicarse no portal de transparencia.

Outro dos puntos abordados na reunión foi a preocupación deste colectivo en canto á xestión do lobo, e plantexaron unha serie de iniciativas para mellorar a xestión no caso dos danos provocados por lobo, sobre todo no caso das explotacións con maior volume de hectáreas ou axilizar os trámites relativos ás solicitudes para a realización de traballos de desbroces en montes comunais ou en determinados espazos dentro da Rede Natura. A directora xeral indicoulles que a Dirección Xeral estudará todas as propostas que presenten e compatibilicen o mantemento e conservación da biodiversidade e beneficien á actividade agrogandeira.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre