Inicio Galicia A Xunta destaca a importancia de colaborar cos concellos para equipar aos...

A Xunta destaca a importancia de colaborar cos concellos para equipar aos servizos de protección civil e emerxencias

0

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, reuniuse hoxe con representantes das agrupacións da Pobra de Trives, Manzaneda, Chandrexa de Queixa e San Xoán de Río


O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe a importancia da colaboración da Xunta cos concellos en materia de protección civil e emerxencias para dotalos dun equipamento adecuado que lles permita levar a cabo o seu traballo en condicións de seguridade.

No caso das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), incidiu no labor altruísta para velar pola seguridade dos seus veciños e o importante papel que xogan para reforzar os servizos de prevención tanto nas tarefas de prevención como en apoio nas intervencións.

Como exemplo puxo os operativos nos que participan as AVPC da Pobra de Trives, Manzaneda, Chandrexa de Queixa e San Xoán de Río durante a reunión que mantivo con responsables destas agrupacións e con representantes municipais dos concellos aos que dan servizo.

Así, destacou a colaboración dos 130 voluntarios que integran estas agrupacións en dispositivos tanto no seu ámbito municipal como fóra dos seus concellos para dar apoio e cobertura en grandes eventos e concentracións con aglomeracións de persoas, como é o caso das festas de Entroido na comarca, o Descenso Internacional do Sil ou o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas en Manzaneda. Tamén colaboran nos operativos na Estación Invernal de Manzaneda, onde a afluencia pode chegar ás 5.000 persoas durante a tempada de esquí, e que se levan a cabo sobre todo na fin de semana.

As agrupacións desta comarca forman parte das 73 que integran a rede de protección civil da provincia de Ourense e os seus efectivos atenden as incidencias durante as 24 horas do día. Debido á súa situación en concellos de montaña, o director xeral de Emerxencias sinalou a necesidade de que conten co material axeitado para a viabilidade invernal co que atender as incidencias que se produzan por neve e frío na rede viaria destes municipios.

Santiago Villanueva resaltou ademais a importancia da formación dirixida aos integrantes destas agrupacións que se imparte desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) para que estean o mellor preparados posible para prestar unha resposta eficaz ante calquera incidencia. O persoal das AVPC ademais de recibir o curso básico obrigatorio para os novos membros, tamén inclúe no seu plan de formación outras actividades formativas que abranguen temáticas como a busca de persoas desaparecidas ou intervencións en accidentes de tráfico.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre