Inicio Galicia A Xunta destaca a importancia das razas gandeiras autóctonas de Galicia e...

A Xunta destaca a importancia das razas gandeiras autóctonas de Galicia e o papel dos criadores na súa conservación e posta en valor

0

José Balseiros lembrou que a Consellería do Medio Rural apoia este labor, a prol duns animais que constitúen unha “garantía dun sector gandeiro sustentable e viable”

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou hoxe na clausura das asembleas xerais das asociacións de razas autóctonas, un acto que tivo lugar no Centro de Recuperación de Recursos Zooxenéticos de Fontefiz, en Coles (Ourense).

José Balseiros destacou a importancia destas razas e lembrou a aposta firme da Xunta no labor que desenvolven os seus criadores para fomentar a súa conservación e posta en valor. Neste sentido, dixo, van os diferentes apoios por parte da Consellería do Medio Rural ás asociacións de criadores. O director xeral explicou que estas apostas complementan ademais as dirixidas ao mantemento dos libros xenealóxicos destas razas e ao impulso de proxectos de innovación.

En parecidos termos, José Balseiros salientou o labor dos gandeiros como principais valedores desta riqueza e sinalou que as devanditas razas son “garantía dun sector gandeiro sustentable e viable” e que á vez que constitúen unha actividade económica rendible, tamén axudan a previr incendios. Todo isto –engadiu– grazas á súa rusticidade, singularidade e á súa adaptación ás condicións ambientais galegas. Nesta mesma liña, o director xeral salientou que estes animais e o patrimonio xenético que representan constitúen “as nosas razas, o noso patrimonio cultural e o noso xeito de entender a vida e o futuro da nosa gandaría”.

Ademais, José Balseiros participou tamén na inauguración da exposición fotográfica sobre as razas autóctonas españolas que leva o título de “Bestiarium”. O director xeral destacou que esta mostra do pazo de Fontefiz está composta por preto de cen instantáneas do fotógrafo José Barea e que contribúe á difusión do patrimonio gandeiro de España. Salientou ademais a importante presenza de razas galegas neste traballo que, dixo, xa pasou con moito éxito por numerosas cidades e provincias de todo o territorio nacional.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre