Inicio Galicia A Xunta destaca a importancia das casas niño e das casas do...

A Xunta destaca a importancia das casas niño e das casas do maior para ofrecer servizos no rural e fixar poboación

0

O obxectivo é que ao final desta lexislatura o 100% dos concellos conten cunha casa niño e se duplique o número de casas do maior ata as 60

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, destacou hoxe a importancia das casas niño e das casas do maior para fixar poboación en municipios de menos de 5000 habitantes, ao ofrecer servizos en concellos que antes carecían deles e ao facilitar a conciliación. Díxoo na Xornadas de desenvolvemento rural organizadas pola Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) e que se celebran esta fin de semana no Hotel Balneario de Laias. Amparo González explicou que as casas niño son pequenas escolas infantís gratuítas para as familias nas que se presta atención a un máximo de cinco nenas e nenos de 0 a 3 anos. Polo tanto, constitúen todo un exemplo a nivel nacional de aposta pola conciliación alá onde, ata hai uns anos, non existía ningunha opción para as nais e pais que traballan. Galicia xa conta con 60 casas niño en funcionamento e o Goberno galego estenderá este proxecto ao 100% dos concellos que non teñen nin escola infantil nin punto de atención á infancia cunha convocatoria extraordinaria para os 23 concellos que están nesta situación.

Ao respecto das casas do maior, a directora xeral de Familia indicou que seguen a mesma filosofía que as casas niño pero destinadas ás persoas de máis idade. Na actualidade están en funcionamento unha trintena destes centros de día no rural, que tampouco teñen coste para os seus usuarios; e o obxectivo é rematar 2020 con 60 en activo.

Ademais, Amparo González referiuse ás melloras que a Xunta introducirá o vindeiro ano na Tarxeta Benvida para as familias que teñen fillos en concellos de menos de 5000 habitantes. Para estas, a contía desta axuda directa á crianza dos fillos crece un 25%, polo que a axuda será de ata 1500 euros polo primeiro e segundos fillos e ata 3000 euros para terceiros e sucesivos.

Durante este encontro de Femuro abordouse o papel da saúde no desenvolvemento rural, e déronse a coñecer as experiencias de mulleres emprendedoras, como a da directora da casa niño Bolboreta, emprazada no concello lucense do Páramo. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre