Inicio Galicia A Xunta destaca a importancia da seguridade viaria na oferta formativa da...

A Xunta destaca a importancia da seguridade viaria na oferta formativa da AGASP aos corpos e forzas de seguridade

0

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, inaugurou hoxe a xornada “Actualización en materia de seguridade viaria”

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na inauguración da xornada “Actualización en materia de seguridade viaria” que se celebra na Academia Galega de Seguridade Pública, onde destacou que a AGASP conta cun módulo específico de cursos sobre esta temática ao longo do ano, xa que constitúe un dos eixos da súa oferta formativa.

A Academia conta nos seus plans de formación cun módulo específico de cursos de seguridade viaria que suman 200 horas lectivas ao longo do ano e nos que se abordan temas como os delitos de tráfico, atestados, investigación de accidentes, operadores de radar, detección de drogas na condución ou a actualización da normativa. Nesta liña, a AGASP convoca cada ano plans de formación continua e específicos que, neste exercicio contan cun total de 30 cursos destinados a máis dun milleiro de profesionais da seguridade pública que traballan en Galicia.

No caso do persoal da Policía Local, neste último cuadrimestre do ano impartíronse no marco deste programa cursos relacionados co tráfico e a seguridade viaria, así como a investigación de atropelos ou os vehículos de mobilidade persoal.

Ademais, máis 800 axentes da Garda Civil de Tráfico completan cada trimestre na sede da AGASP a súa formación interna, que está dividida en catro ciclos de tres meses cada un, e un deles relacionado precisamente coa seguridade viaria. Estes cursos inscríbense no convenio asinado en 2015 entre o Ministerio do Interior e a Vicepresidencia da Xunta para a colaboración na formación e actualización da Garda Civil e a Policía Nacional. Grazas á esta colaboración, nos últimos catro anos formáronse na Academia máis de 6000 axentes.

Os 103 alumnos da 11ª promoción de Policía Local formados este ano na AGASP, que remataron xa a súa formación, tamén contaron este ano cun módulo de tráfico e seguridade viaria de oito horas semanais. Esta promoción conta con 38 alumnos que forman parte da primeira convocatoria unificada de prazas realizada pola Administración autonómica, o que supón máis dun terzo. A Xunta publicou en 2017 un decreto para unificar na AGASP as oposicións de auxiliares e policías locais dos concellos que así o decidisen de forma voluntaria e, actualmente, xa son 73 os concellos que asinaron convenios para delegar no Goberno galego as competencias para a selección dos seus axentes.

O primeiro proceso de selección foi o de auxiliares coa celebración das probas entre maio e xuño de 2018 para optar a 109 prazas. En abril deste ano anunciouse a segunda convocatoria con 155 prazas para esta categoría. O proceso rematou en xuño coa adxudicación de postos.

No caso da policía local, en novembro de 2018 comezou o primeiro proceso para esta categoría con 38 prazas en 23 concellos e en xuño publicouse o segundo para cubrir 158 postos en 28 concellos. As probas de coñecemento e de lingua galega desta última convocatoria celebráronse o 27 de outubro e o pasado fin de semana leváronse a cabo as probas de aptitude física. O cuarto exercicio das probas psicotécnicas está previsto para o vindeiro 9 de decembro, polo que a Xunta está a cumprir os prazos de forma que a seguinte promoción comezará en xaneiro e os concellos galegos poderán cubrir no verán de 2020 as prazas de policía local que demanden a través dos convenios co Goberno galego.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre