Inicio Galicia A Xunta destaca a importancia da mobilización e recuperación de terras no...

A Xunta destaca a importancia da mobilización e recuperación de terras no sector vitivinícola

0

Os directores xerais da Agader e da Agacal participaron esta mañá no concello ourensán da Arnoia nunha xornada organizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro

Os directores xerais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, participaron hoxe nunha xornada de presentación do diagnóstico socioeconómico e estratéxico organizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro.

Alí, Pérez Dubois destacou a importancia de mobilizar e recuperar terras agrarias para poder ampliar a base territorial das explotacións vitivinícolas, co fin de minimizar custos e elevar a produción. Neste senso, puxo en valor a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que facilitará máis base territorial a aquelas explotacións que a precisen, ao tempo que se procurará previr os incendios e traballar pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida no rural. Por iso, ademais dos mecanismos voluntarios de mobilización de terras, a nova norma contemplará beneficios fiscais e outras medidas de fomento de proxectos de recuperación.

Pola súa parte, Manuel Rodríguez destacou o peso dos produtos agroalimentarios da nosa comunidade e puxo en valor os selos de calidade vitícola existentes. Neste senso, sinalou que entre as cinco denominacións de orixe (Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra) e as catro indicacións xeográficas protexidas (Ribeiras do Morrazo, Barbanza e Iria, Betanzos e Val do Miño-Ourense) falamos en Galicia de máis de 13.000 viticultores, máis de 460 adegas, arredor de 9.000 hectáreas de superficie cultivada e por riba dos 60 millóns de quilos de uva anuais producidos.

Estratexia do sector vinícolaNesta liña, o director da Agacal sinalou que, co obxectivo de darlle pulo a un sector fundamental para a cohesión do medio rural galego como é o do viño, a Xunta está a traballar na Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia.

Esta estratexia, desenvolvida mediante a cooperación entre as consellerías de Economía, Emprego e Industria; de Cultura e Turismo e do Medio Rural, xunto coa Fundación Juana de Vega, permitirá, segundo indicou Manuel Rodríguez, que sexa o propio sector o que decida o seu futuro. A iniciativa mobilizará un total de 748.000 euros a prol do sector vitivinícola galego e dos territorios dos nove selos de calidade do viño.

Así, a finalidade desta estratexia é lograr un desenvolvemento territorial integrado, coordinado e consensuado que conte coa participación de todos os axentes clave do territorio. Ao tempo, a estratexia persegue mellorar o posicionamento dos viños galegos no seu conxunto, reforzar a súa imaxe de marca e identidade vinculada aos diversos territorios nos que se producen e mellorar a eficacia da promoción e comercialización en conxunto de produtos turísticos vinculados ao sector vitivinícola. En relación con estes últimos, trátase sobre todo de desenvolver produtos turísticos dirixidos a segmentos xeradores de valor engadido nos espazos rurais, que á súa vez redunde nun fortalecemento das economías locais.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre