Inicio Galicia A Xunta destaca a importancia da implicación das empresas para acadar a...

A Xunta destaca a importancia da implicación das empresas para acadar a igualdade no ámbito laboral

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde na clausura do ‘I Foro Empresarial de Galicia para a Igualdade, a RSE e a prevención do acoso e a violencia de xénero’


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da implicación das empresas para acadar a igualdade no ámbito laboral. Por iso, apelou na súa intervención na clausura do “I Foro Empresarial de Galicia para a Igualdade, a RSE e a prevención do acoso e a violencia de xénero” á posta en marcha de plans de igualdade no sector privado co obxectivo de apoiar a integración laboral e social das mulleres e a igualdade de oportunidades.

A Xunta, a través de distintos programas, mantén o seu compromiso coa inserción laboral das mulleres, o emprendemento feminino e o acceso das mulleres a postos de decisión, así como coa conciliación da vida laboral e persoal e a corresponsabilidade, eixos que se trataron hoxe no foro organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra. Alfonso Rueda incidiu no traballo do Goberno galego para a promoción da igualdade entre mulleres e homes e instou á implicación das administracións, organizacións sociais, empresas e de toda a cidadanía para entre todos construír unha sociedade máis igualitaria.

O Goberno galego levou a cabo o ano pasado de forma pioneira unha campaña de prevención e actuación ante o acoso sexual nos lugares de traballo dirixida aos colexios profesionais. Para contribuír á incorporación das mulleres en tódolos sectores e en postos de decisión, a Xunta aprobou o VII Plan Estratéxico de Galicia para a Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2017-2020 co obxectivo de integrar a igualdade de xénero na execución das políticas públicas que se están a desenvolver.

Galicia tamén implantou de forma pioneira o ano pasado o I Plan de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021, que conta con máis dun cento de medidas concretas e axudas para fomentar a conciliación nas empresas, nas familias e nas administracións.

O Goberno galego considera prioritario apoiar o empoderamento económico e social das mulleres a través do fomento do emprendemento feminino. Por iso, unha das liñas da Xunta no marco da igualdade de oportunidades é o programa Emega, que inclúe axudas coas que apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresarias constituídas por mulleres. Este ano 161 proxectos beneficiáronse deste programa ao que a Xunta destinou 1,7 millóns de euros, o dobre que na convocatoria de 2018.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre