Inicio Galicia A Xunta destaca a importancia da colaboración entre Galicia e Portugal no...

A Xunta destaca a importancia da colaboración entre Galicia e Portugal no eido do control do medio mariño

0


A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, salientou hoxe a importancia da colaboración entre Galicia e Portugal en materia de control do medio mariño, especialmente na observación oceanográfica e na preparación ante posibles episodios de contaminación mariña accidental, para o que xa hai en marcha varios proxectos de ámbito europeo nos que participa a Xunta. Durante a súa participación no XXV Encontro Galego Portugués de Química, a responsable do centro dependente da Consellería do Mar explicou que Galicia conta cun completo sistema de control que realiza o seguimento, control e investigación da calidade ambiental das augas costeiras especialmente no que se refire ás condicións oceanográficas -tanto físicas como químicas-, fitoplancto, biotoxinas, contaminación química -metais pesados, compostos organoclorados e hidrocarburos-, microbioloxía e patoloxía.

Este sistema, chave entre outras cousas para certificar que os produtos marisqueiros son aptos para o consumo, está deseñado e conta con capacidade para actuar sobre unidades de produción de reducido tamaño, mantén unha frecuencia de mostraxe moi intensa, cubre tódalas zonas de produción da costa galega e controla todos os grupos de especies sometidos a explotación comercial do marisqueo e da acuicultura. Os resultados deste traballo, incidiu a directora do Intecmar, transmítense aos distintos departamentos da Administración autonómica, ás entidades sectoriais do marisqueo e da acuicultura, ás confrarías de pescadores e organizacións de produtores así como asociacións profesionais e á sociedade en xeral, polo que existe total transparencia sobre o estado das distintas zonas de produción. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre