Inicio Galicia A Xunta destaca a importancia da colaboración entre administracións para equipar aos...

A Xunta destaca a importancia da colaboración entre administracións para equipar aos servizos de emerxencias

0

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe o parque de bombeiros de Verín


O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe a importancia da implicación e da colaboración entre administracións en materia de protección civil e emerxencias para dotar a estes servizos dun equipamento adecuado que lles permita levar a cabo o seu traballo en condicións de seguridade e dar unha resposta áxil e eficaz ante calquera incidencia.

Así o sinalou hoxe durante a súa visita co presidente do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento de Ourense, Pablo Pérez, ao parque de bombeiros de Verín, que estreou hoxe un vehículo Bomba Urbana Pesada (BUP). A través do Consorcio, a Xunta e a Deputación de Ourense colaboran na mellora da dotación dos catro parques de bombeiros integrados neste ente -Verín, A Limia, Valdeorras e O Carballiño-Ribeiro- co obxectivo de optimizar os recursos existentes e mellorar a calidade da prestación dos servizos que ofrecen aos cidadáns.

A Xunta mantén o compromiso coas emerxencias e co reforzo dos recursos materiais do persoal destes servizos, tanto bombeiros como agrupacións de voluntarios e servizos municipais de Protección Civil e Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). Forman parte da rede de xestión e atención ás emerxencias de Galicia, que ademais de bombeiros, policías, o Centro de Atención ás Emerxencias 112 e o 061, entre outros, conforman unha auténtica malla de seguridade en todo o territorio galego.

O director xeral de Emerxencias e Interior sinalou que o Goberno galego traballa para que os bombeiros de Verín e do resto de parques comarcais e provinciais da comunidade para que estes profesionais conten cos mellores medios, que garantan a súa seguridade e, por ende, a dos seus veciños. Nesta liña, incidiu en que canto mellor equipados e preparados estean os profesionais de emerxencias, máis eficiente será a atención ás emerxencias.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre