Inicio Galicia A Xunta destaca a dixitalización do proceso de xestión da Credencial do...

A Xunta destaca a dixitalización do proceso de xestión da Credencial do peregrino como ferramenta sanitaria e tecnolóxica

0
image_gallery.jpg

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe xunto ao deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, na presentación da aplicación que evitará o contacto persoal para a obtención dos selos deste documento virtual


Evitar o contacto persoal e afondar na prestación de servizos dixitais que faciliten a peregrinación no Camiño de Santiago son os obxectivos principais da Credencial dixital do peregrino que hoxe se presentou en Santiago nun acto que contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo.

Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, órgano dependente da Vicepresidencia 1ª da Xunta de Galicia, destacou esta nova aplicación dixital como unha iniciativa que vai permitirlles aos peregrinos obter a Credencial e selala dun xeito telemático á vez que se vai facendo a ruta, o que, “ademais da comodidade que supón, evitará tamén todo contacto persoal”, manifestou.

Desde o punto de vista sanitario, segundo indicou Nava Castro, esta é unha iniciativa que se une ás xa implementadas pola Administración autonómica tendentes a evitar contaxios e a expansión da covid-19, “tales como os manuais de actuación para albergues ou a formación para propietarios e persoal destas instalacións”.

Traballo conxuntoPor outra parte, na presentación da APP da Credencial dixital do peregrino, a directora de Turismo de Galicia referiuse ao traballo conxunto que realizan a Xunta de Galicia e a Igrexa para que o “Camiño sexa cada día máis seguro e os centos de miles de persoas que aman a Ruta Xacobea manteñan a confianza nela”, engadiu.

Polo que respecta á vertente tecnolóxica da aplicación, Castro explicou que a nova ferramenta únese tamén a unha serie de medidas implementadas desde a Administración autonómica como son a Central de reservas de albergues públicos online ou o plan de instalación de sistemas wifi en cada unha destas instalacións. “Todo para que a experiencia do peregrino sexa cada día máis cómoda, acorde cos tempos que vivimos pero sen a perda de autenticidade”, exclamou a titular de Turismo de Galicia.

A Credencial dixital estará dispoñible en varios idiomas para as plataformas iOS e Android, mostrará tamén as distintas rutas do Camiño de Santiago e, ademais de posibilitar a captura dos selos dixitais a través de códigos QR, permitirá a integración dos datos no Rexistro do peregrino.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre