Inicio Galicia A Xunta destaca a colaboración constante e o diálogo permanente cos autónomos...

A Xunta destaca a colaboración constante e o diálogo permanente cos autónomos para dar respostas ás súas inquedanzas

0

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Vilagarcía de Arousa na mesa do emprego autónomo de Galicia, que se reuniu para seguir creando pontes de colaboración entre a Administración e este colectivo

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe na mesa do emprego autónomo de Galicia, celebrada en Vilagarcía de Arousa, a colaboración constante e o diálogo permanente que existe entre a Xunta e os autónomos para dar respostas ás súas principais demandas e facer fronte ao novo contexto socioeconómico xerado pola covid-19.

A mesa do autónomo reúnese desde 2016 para crear pontes de colaboración co obxectivo de escoitar, dialogar, propoñer e construír, de maneira conxunta, a estratexia a seguir no eido do emprego autónomo. Así, a conselleira salientou a importancia de “seguir traballando cóbado con cóbado” na procura de medidas que contribúan a mellorar a situación deste colectivo en Galicia.

Neste senso, Lorenzana lembrou as medidas da Xunta que están activas neste momento e que son froito desta cooperación. Puxo en valor as liñas de apoio de liquidez, confianza e dixitalización que recolle o Plan de reactivación económica, que reserva 127 millóns de euros para que autónomos, pemes e comerciantes recuperen canto antes a normalidade.

A conselleira apuntou que a Xunta, desde o primeiro momento, adoptou accións encamiñadas a poñer a disposición dos autónomos a liquidez para facer fronte aos seus gastos e os apoios para facilitar a súa recuperación.

Destacou, así, o Cheque Autónomo, os programas de dixitalización e as axudas para a transformación de locais para adaptarse ao novo contexto; así como os microcréditos que ofrece o Igape, cos que se pretende mobilizar 50 millóns de euros e dos que, por suposto, poden beneficiarse os traballadores autónomos.

Así mesmo, a Xunta conta este ano cun orzamento de 24,5 millóns de euros para promocionar, entre outros, o emprego autónomo con apoios á contratación e á apertura de negocios.

A Consellería de Emprego e Igualdade, ademais, a través do Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia (ISSGA), editou máis de 30 guías e protocolos sobre seguridade e saúde laboral para os distintos sectores económicos.

Lorenzana, por último, sinalou a importancia dos autónomos para Galicia, un colectivo que representa un de cada cinco traballadores. Indicou que a Xunta é consciente de que foi un dos colectivos máis prexudicados polas consecuencias da crise da covid-19 e que, por iso, o Goberno galego seguirá mantendo un diálogo fluído con eles para deseñar actuacións que se axusten ás demandas e necesidades que presenten en cada momento.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre