Inicio Galicia A Xunta destaca a calidade dos produtos agroalimentarios galegos como un dos...

A Xunta destaca a calidade dos produtos agroalimentarios galegos como un dos reclamos turísticos da nosa comunidade

0

José González puxo en valor o traballo dos máis de 2.300 viticultores e 94 industrias inscritas nesta denominación de orixe, que o pasado ano xeraron un valor económico que superou os 19 millóns de euros

Os conselleiros do Medio Rural, José González, e de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participaron hoxe en Pantón na entrega dos premios da XXV Cata dos viños da Ribeira Sacra. Alí tamén estivo presente o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Manuel Rodríguez.

Durante a entrega dos galardóns, o titular de Medio Rural puxo en valor a calidade dos produtos agroalimentarios galegos e o seu recoñecemento a nivel mundial, converténdose precisamente nun dos principais reclamos turísticos da nosa comunidade. Precisamente o sector vitivinícola ten moito que ver nisto, engadiu o conselleiro, pois a produción de viño comercializada no exterior sitúase no 18% entre as cinco denominacións de orixe galegas.

Así, José González felicitou a aposta deste sector pola súa modernización, sen perder os valores tradicionais que fan únicos estes caldos, traballando por mellorar a calidade e por facerse ver no resto do mundo, engadiu. Neste senso, o conselleiro felicitou aos máis de 2.300 viticultores e 94 industrias inscritas na denominación de orixe Ribeira Sacra, polo bo traballo, o esforzo e a dedicación para conseguir uns viños de recoñecido prestixio.

O titular de Medio Rural destacou o aumento da produción na última campaña en máis dun 11%, chegando aos 6,1 millóns de quilos de uva vendimada e xerando un valor económico que superou os 19 millóns de euros.

Finalmente, o conselleiro resaltou a posta en marcha desde a Xunta dunha ambiciosa estratexia para dinamizar as cinco denominacións de orixe de Galicia, reforzando as sinerxías con outros ámbitos, como o turismo ou a cultura e contemplando sempre o importante papel do viño desde o punto de vista económico e social. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre