Inicio Galicia A Xunta destaca a aposta do Fairway pola dixitalización e sustentabilidade no...

A Xunta destaca a aposta do Fairway pola dixitalización e sustentabilidade no Camiño de Santiago

0

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, participou na presentación da cuarta edición desta cita que este ano estará marcada pola proximidade do Ano Santo


A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, participou hoxe no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia na presentación de Fairway, o fórum do Camiño de Santiago que integra feira e congreso e que este ano celebra, co apoio da Xunta de Galicia, a súa cuarta edición marcada pola proximidade do vindeiro Ano Santo.

Durante o acto de presentación, a cargo dos directores do evento, Manuel Oreiro, Ana Trevisani e Tono Mugico, a comisaria do Xacobeo 2021 destacou a aposta do Fairway pola dixitalización e sustentabilidade da Ruta Xacobea. “Neste tempo de confinamento o mundo dixital mantivo o espírito e os recordos do Camiño de Santiago máis vivos que nunca e temos que seguir fomentando esta faceta”, precisou Cecilia Pereira.

A Xunta de Galicia traballa para que o Xacobeo 2021 funcione como un motor de impulso económico e social que permita minimizar os efectos desta crise en todos os sectores da Comunidade, incluído o do Camiño de Santiago. Neste sentido, a comisaria do Xacobeo 2021 salientou a importancia de fomentar a colaboración entre os diferentes axentes, algo que tamén se reflicte na celebración deste evento, e de ofrecer as máximas medidas de seguridade para a reactivación da peregrinación.

Ademais da importancia deste fórum para o Camiño de Santiago, a celebración desta cita tamén é un revulsivo para o turismo de congresos, unha tipoloxía que se veu afectada pola crise sanitaria e que permite atraer un turismo urbano e de alto valor engadido durante todos os meses do ano, ademais de favorecer a desestacionalización.

Aposta polo dixitalA cuarta edición de Fairway celebrarase no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia entre os días 8 e 10 de novembro seguindo as recomendacións sanitarias e adaptando o seu formato ao escenario poscoronavirus. Neste sentido, tal e como explicaron os directores da cita, na parte dedicada aos negocios reduciranse os contactos e apostarase por un formato máis dixital o que tamén permitirá incrementar a presencia de intermediarios de todo o mundo. Para iso, os asistentes contarán cun set especial no que poidan teletraballar cunha conexión rápida e segura.

A parte dedicada a iniciativas de formación, pola súa banda, funcionará como un espazo para reflexionar sobre o presente e o futuro do Camiño de Santiago desde unha perspectiva global. Así, levaranse a cabo iniciativas centradas na sustentabilidade e no coronavirus mantendo formatos equilibrados entre o presencial e o dixital.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre