Inicio Galicia A Xunta desenvolve en Ourense un programa integrado para a inserción laboral...

A Xunta desenvolve en Ourense un programa integrado para a inserción laboral de 100 mulleres sen emprego

0

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe ás alumnas desta iniciativa que se realiza en colaboración coa entidade CIMO

Un cento de mulleres desempregadas de Ourense están a formarse no programa integrado Impulsa-T. Trátase dun dos programas autonómicos específico para mulleres que desenvolve a entidade ourensá CIMO co apoio da Xunta, tal e como destacou a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, na visita que realizou hoxe ás alumnas desta iniciativa que se están a formar en técnicas de venda. Outras das alumnas están a recibir cualificación para poder traballar como auxiliares en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

Entre as accións formativas que ofrece Impulsate-T inclúense as centradas no manexo de internet, iniciación en ofimática e inglés para atención aos clientes. O Programa Integrado de Emprego tamén programa accións encamiñadas a avanzar no desenvolvemento persoal, social e laboral do alumnado e sesións de orientación laboral.

O compromiso adquirido de inserción laboral para esta iniciativa, que inclúe un programa formativo adaptado á demanda das empresas da contorna e que rematará en novembro deste ano, é dun 45%.

Díaz Mouteira Toca destacou a importancia da formación adaptada ás demandas do tecido empresarial e sinalou que obxectivo destes programas é incrementar as oportunidades laborais dos participantes. “É un proceso destinado a mellorar a situación social e laboral das persoas a través de distintas fases e cunha intervención de carácter personalizado”, engadiu. Así mesmo, puxo en valor os plans que combinen formación e prácticas para dar resposta a un modelo de formación dual e flexible para acadar un emprego de calidade.

A delegada territorial destacou o papel da muller no mercado laboral e apostou por seguir reforzando con políticas de emprego a súa inserción e desenvolvemento profesional, principalmente das que se atopan en situación ou risco de exclusión social.

Para rematar, Marisol Díaz salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, salientou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre