Inicio Galicia A Xunta desactiva o Plan Camgal tras constatar a ausencia de manchas...

A Xunta desactiva o Plan Camgal tras constatar a ausencia de manchas e restos de fuel nas inmediacións da ría de Arousa

0

A Xunta, a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, vén de desactivar o Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) tras constatar a ausencia de contaminación na zona na que a semana pasada apareceu unha mancha de fuel nas inmediacións da ría de Arousa, fóra da costa, entre Ribeira e a illa da Rúa.

A Xunta tomou esta decisión unha vez que o seguimento realizado nos últimos días por distintas embarcacións do Servizo de Gardacostas e medios de Salvamento Marítimo do Estado finalizase sen atopar ningún resto de fuel nin novas manchas na zona. Previamente, o Goberno central xa desactivara o Plan Marítimo Nacional.

Os medios da Xunta que permaneceron en alerta nas últimas xornadas foron o buque Irmáns García Nodal e as patrulleiras Punta Falcoeiro e Punta Roncadoira. O seu traballo deu continuidade ao labor realizado a semana pasada, en coordinación con Salvamento Marítimo do Estado, para conter e eliminar a mancha de fuel e que contou coa participación tanto persoal do Servizo de Gardacostas como do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), que realizou un seguimento da mancha mediante boias durante todo o operativo. A eles sumáronse tamén drons da Axencia Galega de Emerxencias para a inspección da área afectada.

O operativo na zona foi seguido desde o primeiro momento polo subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, mentres que o Intecmar pechou de xeito cautelar o único polígono de bateas que estaba aberto na zona, o Ribeira B, peche que foi levantado o pasado venres dado que a mancha finalmente non se achegou á contorna das bateas.

Os niveis de activación do plan Camgal adáptanse aos utilizados por Protección Civil segundo indica o Sistema Nacional de Resposta e son Situacións 0, 1, 2 e 3. A situación 0 actívase cando se sospeita que unha contaminación significativa pode chegar á costa, tanto se procede do mar como dunha instalación en terra. A situación 1 fai referencia ao nivel mínimo de emerxencia, a situación 2 ao nivel medio e a 3 ao nivel máximo de emerxencia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre