Inicio Galicia A Xunta demanda unha reunión da comisión de seguimento da estación intermodal...

A Xunta demanda unha reunión da comisión de seguimento da estación intermodal de Ourense para que o Ministerio de Transportes aclare as incertezas sobre a terminal ferroviaria

0

A conselleira aposta por demandar do Goberno central concreción sobre a estación de tren da intermodal e sobre o AVE, en lugar de “facer de comparsa” e de tratar de tapar os seus incumprimentos cos ourensáns e cos galegos

A Xunta de Galicia insistiu hoxe en demandar a convocatoria da comisión de seguimento da estación intermodal de Ourense para que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aclare as incertezas sobre a terminal ferroviaria.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, a titular de Infraestruturas do Goberno galego lembrou que a Xunta está a executar, como parte desa estación intermodal, unha estación de autobuses cuxo proxecto foi aprobado pola Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

A conselleira defendeu que Ourense teña unha estación intermodal no centro da cidade, nova, moderna, competitiva e integrada, requisitos que cumpre a terminal de autobuses que está a executar a Xunta.

Na mesma liña convidou aos grupos parlamentarios a demandar do Goberno central concreción sobre a estación de tren da intermodal e sobre o AVE comprometidos, en lugar de “facer de comparsa” e de tapar os incumprimentos cos ourensáns e cos galegos.

Vázquez Mourelle advertiu do erro de tentar paralizar obras en plena execución e lembrou que o proxecto global da estación intermodal se basea nun acordado entre todas as Administracións, é defendido pola actual presidenta de Adif, e foi avalado polo equipo de arquitectos de Norman Foster.

Para a conselleira, os intereses xerais da veciñanza non se defenden buscando que Ourense quede sen estación intermodal, e indicou que trasladar as vías do AVE á zona norte da estación, suporía volver a empezar e tirar ao lixo todo o que xa está feito, incluídas as actuacións que xa ten feito o Adif na praia de vías. Isto, advertiu, suporía volver a empezar coa intermodal e incluso co AVE.

Abondou en que o proxecto da intermodal garante a permeabilidade da cidade e a intermodalidade, cun intercambio sinxelo, áxil e seguro entre o tren e o autobús sen diferenzas de cotas insalvables.

Lembrou que a Xunta cumpre cos compromisos adquiridos coa cidade de Ourense e coas Administracións implicadas, investindo 9 millóns de euros no desenvolvemento da nova terminal de autobuses da intermodal que estará a disposición dos veciños este verán, e tamén no novo aparcadoiro subterráneo de 300 prazas para o barrio da Ponte, que executa Adif e cofinancia a Xunta.

A conselleira de Infraestruturas subliñou que a Xunta ten un proxecto de cidade para Ourense que non se pode parar, coa estación intermodal, a residencia de maiores e a chegada do AVE que debe concretar o Goberno de España.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre