Inicio Galicia A Xunta demanda ao Goberno un protocolo único de medidas de hixiene...

A Xunta demanda ao Goberno un protocolo único de medidas de hixiene no transporte público e un fondo de compensación estatal que asegure a súa sostibilidade

0

O Goberno galego incide na necesidade de contar con medidas claras que permitan garantir os imprescindibles servizos públicos de transporte con seguridade para a saúde dos traballadores e dos usuarios


A Xunta demandou hoxe ao Goberno central un protocolo único de medidas de hixiene no transporte público e un fondo de compensación estatal que asegure a súa sostibilidade. Así o trasladou esta mesma tarde a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na Conferencia Sectorial mantida hoxe por videoconferencia co ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos.

Na reunión entre o Ministerio e as Comunidades Autónomas, o Goberno galego defendeu a dobre necesidade de compatibilizar a recuperación da vida pública de xeito seguro e con garantías para a saúde, coa adopción de medidas eficaces que faciliten tamén unha progresiva recuperación da actividade económica e minimice o impacto da crise.

Esas dúas cuestións relacionadas co transporte público centraron a intervención da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade na xuntanza, na que, ademais, fixo referencia á situación das obras públicas e a construción.

A Xunta de Galicia incidiu na necesidade de contar con medidas claras, reclamando ao Ministerio un protocolo único de limpeza e hixiene para vehículos e traballadores do sector, que permita garantir os imprescindibles servizos públicos de mobilidade con garantías para a saúde dos usuarios.

A conselleira demandou, ademais, a creación dun fondo de compensación para garantir a sostibilidade do transporte público nas concesións de transporte actuais que operaron durante o estado de alarma. Nese sentido, fixo fincapé na importancia de poñer en marcha instrumentos de financiamento que permitan ás Comunidades contar con recursos adicionais para paliar os déficits de explotación nas actuais concesións de transporte derivados, tanto das medidas xa impostas polo estado de alarma nas últimas semanas, como daquelas vindeiras que sexa preciso tomar.

Estas medidas son, a xuízo da Xunta, especialmente importantes no caso de Galicia, onde a dispersión e o envellecemento da poboación fan imprescindible contar con axeitados servizos de transporte público para garantir o acceso aos centros de traballo e aos servizos básicos.

Ademais, segundo subliñou a conselleira, de cara a facilitar a recuperación gradual da actividade económica, trasladóuselle ao Ministerio a necesidade de reactivar a obra pública, como panca esencial para a dinamización económica e o mantemento do emprego.

Deste xeito, desde a Xunta pediuse ao Ministerio que se retomen os prazos dos procedementos administrativos e tamén que reactive a execución das obras do Estado en Galicia que xa estaban en marcha antes da declaración do estado de alarma.

Ethel Vázquez referiuse especialmente a obras esenciais como o AVE a Galicia, para evitar dilatar o inicio das probas e demorar sine die a súa posta en servizo, ou intervencións como a da autovía entre Santiago e Lugo, nos dous treitos pendentes entre Arzúa e Palas de Rei, que están a sufrir unha ralentización importante e que son esenciais para o Xacobeo 2021.

Axilidade e maior información en materia de vivendaPor outra banda, en materia de Vivenda, desde a Xunta de Galicia solicitouse ao Ministerio que traslade as autorizacións e permisos oportunos para facer chegar aos galegos a axuda necesaria para cubrir os gastos de alugueiro. Así, reiterou a importancia de transferir á maior brevidade a achega financeira extraordinaria do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, polo cal a Galicia lle corresponden 5,7 millóns de euros; e a autorización ministerial para empregar os remanentes de crédito de convocatorias anteriores e facilitar unha axuda ao maior número de galegos.

Tamén se solicitou maior información e transparencia sobre as entidades de crédito ante as que se poderán solicitar préstamos por parte de todas aquelas persoas que teñan dificultades para facer fronte ao pago do seu alugueiro.

O Goberno galego tamén demanda ao Ministerio que siga o exemplo do Instituto Galego de Vivenda e Solo e de Xestur establecendo mecanismos que incentiven a reactivación económica naquelas superficies empresarias que o Estado ten en Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre