Inicio Galicia A Xunta demanda ao Goberno central unha garantía de prezos xustos para...

A Xunta demanda ao Goberno central unha garantía de prezos xustos para o agro que faciliten a rendibilidade no sector

0

José González solicitou a Madrid “celeridade” para que aproveite a transposición da normativa europea sobre prezos e modifique canto antes a lexislación nacional no sentido de evitar a venda a perdas

O conselleiro do Medio Rural, José González, demandou hoxe en Madrid unha garantía de prezos xustos para o agro que faciliten a rendibilidade na actividade dos agricultores e dos gandeiros. Así o propuxo hoxe en Madrid, nunha xuntanza convocada polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para avaliar cos representantes das diferentes autonomías a situación dos prezos dos produtos do agro.

Neste sentido, González lembrou que a normativa comunitaria e española sobre competencia impide fixar uns mínimos para os produtos agrícolas, pero si se pode actuar para que a cadea de valor constrúa o prezo dos produtos do sector primario a partir do custo de produción dos agricultores e gandeiros, evitando así as vendas a perdas. Na mesma liña, insistiu en que a entrada en vigor dunha norma específica en Francia e as posibilidades que ofrece a transposición da normativa europea permiten agora acometer a modificación da lexislación estatal, en concreto as leis de Competencia Desleal, de Defensa da Competencia e de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria. Por iso pediu ao Goberno central que “apure tanto esa transposición da Directiva europea como a modificación da normativa nacional”.

Trátase, -segundo destacou o conselleiro- de afondar na defensa dunhas rendas dignas para o sector, en calidade de produtor de alimentos sans e de maneira respectuosa co medio ambiente. Porque en boa medida, engadiu González, esas rendas dignas están condicionadas pola existencia duns prezos xustos e que cubran os seus custos de produción, cunha marxe de beneficio que se considere razoable.

En relación coa predisposición do ministro a atender as demandas de Galicia, o conselleiro recoñeceu que este é un tema “complexo”, pero que as modificacións legais introducidas en Francia e no ámbito comunitario permiten agora “lexislar con celeridade, buscando que os prezos dos nosos produtos cubran sempre os custos de produción máis un marxe de beneficio”.

Por último, nesta reunión o conselleiro solicitou tamén ao Goberno central a constitución de grupos de traballo con participación das comunidades autónomas para o desenvolvemento do proceso desa transposición das normas comunitarias e da necesaria revisión lexislativa no ámbito estatal.

Incentivos fiscaisAdemais, o conselleiro propuxo neste encontro a elaboración -por parte do Goberno central- dunha lei estatal de incentivos fiscais para a actividade agrogandeira e forestal. Neste aspecto, a Xunta considera necesario introducir na normativa nacional -ao igual que xa fixo a Administración autonómica en Galicia- medidas encamiñadas a mellorar a fiscalidade dos gandeiros, agricultores e silvicultores, co fin de que esas melloras repercutan tamén nas súas rendas.

Así, o conselleiro recordou que o Goberno galego xa ten lexislado nesta materia, poñendo en marcha o programa de Impostos Cero no Rural, así como con diferentes vantaxes na tributación, tales como bonificacións para o fomento da compra de vivenda en zonas pouco poboadas, do alugueiro de inmobles de carácter rústico ou do asociacionismo no sector agrogandeiro e forestal. Por iso, advertiu que agora lle toca ao Goberno central actuar, dentro das súas competencias.

Política Agrícola ComunitariaSobre o compromiso ambiental dos agricultores e gandeiros -especialmente en relación coa PAC-, González remarcou que eles “son os máis preocupados por esta cuestión e polo tanto deben ser eles os principais protagonistas dese proceso”. Nesta liña, o conselleiro valorou como positivo o traballo do Ministerio de Agricultura na materia e amosou a preocupación da Xunta porque parte das competencias sobre o particular pasen á Vicepresidencia de Transición Ecolóxica. “Demandamos que sexa o Ministerio de Agricultura o que tutele esa sustentabilidade ambiental, sempre tendo presente ese papel protagonista que deben ter os agricultores, gandeiros e silvicultores”, remarcou.

Gonzalez reiterou ademais a demanda ao ministro de Agricultura no sentido de que “faga forza” para que se manteñan os fondos da Política Agrícola Comunitaria e que outras achegas europeas se orienten cara o agro, tendo en conta o compromiso ambiental dos seus axentes.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre