Inicio Galicia A Xunta definirá o Plan Galego de Acción contra a herba da...

A Xunta definirá o Plan Galego de Acción contra a herba da pampa a partir dun estudo cartográfico da súa distribución na comunidade

0

Durante o segundo encontro do grupo de traballo de loita contra esta especie, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, lembrou que a Consellería coordina a colaboración entre SEO/BirdLife e o CEIDA na redacción deste plan

A Xunta de Galicia segue a avanzar na definición do seu plan de acción contra a presenza na comunidade da cortaderia selloana, tamén coñecida como herba da pampa, unha especie exótica invasora orixinaria de Suramérica. Durante a súa intervención esta mañá nunha xornada de traballo dedicada á xestión e eliminación desta planta exótica, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, lembrou que o seu departamento coordina desde hai meses o traballo encargado a SEO/BirdLife e ao Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (CEIDA) para redactar un plan galego de acción contra a herba da pampa.

Como primeiro paso, explicou que un equipo da Universidade da Coruña baixo a coordinación do investigador Jaime Fagúndez estase a encargar dos traballos de cartografado da área de distribución da planta en Galicia, así como da avaliación da súa incidencia e perigosidade en cada zona, de acordo coa súa vulnerabilidade á invasión.

Este traballo de “avaliación previa”, engadiu, será o que permita definir a planificación, os medios e as técnicas máis axeitadas para facer fronte á proliferación do tamén chamado plumacho polo territorio galego, ao tempo que ofrecerá información sobre a súa invasión tanto en ecosistemas naturais como degradados.

A directora xeral de Patrimonio Natural foi a encargada de inaugurar esta mañá no Castelo de Santa Cruz o segundo encontro do grupo de traballo internacional constituído para loitar contra a herba da pampa, despois do celebrado o pasado mes de maio en Santander. O evento de hoxe reuniu en Oleiros a unha trintena de técnicos e xestores con competencias sobre o medio natural, parques, xardíns, infraestruturas e ordenación do territorio procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal co fin de intercambiar experiencias e coñecementos para o control desta especie en todo o Arco Atlántico.

A xornada foi organizada polo CEIDA e SEO/BirdLife no marco do proxecto europeo LIFE Stop Cortaderia, que analiza e trata de lograr a eliminación da herba da pampa na franxa que vai desde a costa oeste de Francia, o arco norte de España e Portugal, pola que se ten estendido con gran rapidez. Ademais de Belén do Campo, tamén contou coas intervencións de Carlos Vales, director do CEIDA, e Santiago García de Enterría, coordinador do proxecto.

Unha especie cun alto risco de impactoA herba da pampa, como subliñou do Campo durante a súa intervención, é unha especie de alto risco de impacto na biodiversidade, polo que a estratexia para a súa xestión e control debe afrontarse desde unha perspectiva de contención local e protección dos sitios prioritarios para a conservación de especies (principalmente, a Rede Natura 2000).

Nos últimos anos, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural impulsou a erradicación desta especie nas áreas costeiras da Rede Galega de Espazos Protexidos e as áreas limítrofes. Ademais, se ten trasladado a outras administracións implicadas e a particulares a necesidade de sacala fóra destes espazos. Neste sentido, por exemplo, solicitouse aos titulares de distintas vías de comunicación que promoveran a eliminación da herba da pampa, moi presente nas beiras das estradas.

Ademais e para pechar a súa intervención, Belén do Campo felicitouse pola celebración en Galicia dun encontro que pretende cumprir tres grandes obxectivos. Por un lado, servir de foro de intercambio de experiencias entre os principais axentes implicados na súa erradicación no Arco Atlántico; en segundo lugar, difundir as metodoloxías e materiais que se están a empregar para frear a expansión da especie; e por último pero non menos importante, sensibilizar á poboación das rexións afectadas de España, Francia e Portugal dos riscos e dos efectos prexudiciais da herba da pampa sobre a biodiversidade local.

Proxecto europeo fronte á herba da pampaCómpre lembrar que a posta en marcha do grupo de traballo internacional reunido hoxe en Oleiros se enmarca no proxecto LIFE Stop Cortaderia, unha iniciativa coordinada pola entidade cántabra Asociación Amica e na que participan como socios AMPROS, SERCA, SEO/BirdLife, a Cámara Municipal de Vilanova de Gaia e o Instituto Politécnico de Coimbra, sendo a Xunta de Galicia unha das entidades cofinanciadoras do mesmo.

De feito, o proxecto conta con cofinanciamento da Comisión Europea a través do programa LIFE (o que supón o 52% do orzamento), da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta, da Consellería de Desenvolvemento Rural, Gandaría, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente do Goberno de Cantabria, do Concello de Santander e dalgunhas empresas privadas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre