Inicio Galicia A Xunta defende que Europa estableza un instrumento de financiamento suficiente para...

A Xunta defende que Europa estableza un instrumento de financiamento suficiente para acadar a neutralidade climática

0
image_gallery.jpg

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta tarde nunha reunión para fixar a posición común das comunidades ante o Consello Consultivo de Política Medioambiental para Asuntos Comunitarios


Para facer fronte ao reto do cambio climático, a Xunta de Galicia cree necesario establecer un instrumento de financiamento suficiente, ben proporcionado e de execución áxil que teña en conta as características particulares da Europa das Rexións á hora de recoñecer as dificultades das mesmas para conseguir os obxectivos fixados nesta materia a medio prazo.

Esta é a posición que defende Galicia, á hora de planificar o traballos das distintas rexións para fixar a posición común que presentarán as comunidades ante o Consello Consultivo de Política Medioambiental para Asuntos Comunitarios do vindeiro venres, 23 de outubro. Esta tarde a conselleira de Medio Ambiente, territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou na reunión telemática preparatoria de todas as comunidades autónomas.

Así, ao remate do encontro a responsable galega de Medio Ambiente lembrou que a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía (EGCCE), aprobada pola Xunta a finais do ano pasado, é un documento acorde cos obxectivos europeos que fixan para o ano 2050 o cumprimento da neutralidade climática –é dicir, a busca dun equilibrio entre as emisións que non poden ser reducidas e as absorcións de gases que realiza a contorna natural-, así como coa planificación estratéxica nacional nesta materia.

En todo caso e para garantir o cumprimento destes obxectivos, a Xunta considera que establecer por lei a necesidade deste instrumento financeiro debería garantir que os orzamentos europeos recoñezan e teñan en consideración as dificultades que cada país, rexión e municipio teñen para planificar as súas estratexias de cara á consecución do obxectivo da neutralidade climática.

Neste sentido, Ángeles Vázquez considera moi acertado que a posición común que defenderán as comunidades ante o Ministerio incida no feito de que non se teña contado o suficiente coa opinión das rexións a este respecto. Por iso, a Xunta salienta a importancia de que esta eiva se poida corrixir no Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC), converténdoo nun verdadeiro instrumento de vertebración coa flexibilidade suficiente para que todas as comunidades e entidades locais do país poidan contribuír aos retos comúns en materia de clima e enerxía.

Por último, o Goberno galego defende que o Goberno central actúe ante as institucións europeas como un verdadeiro moderador e catalizador da información, de xeito que as comunidades a reciban de forma axeitada e á vez a UE se amose sensible e receptiva ás características particulares de cada unha delas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre