Inicio Galicia A Xunta defende que a transformación dixital e enerxética son os dous...

A Xunta defende que a transformación dixital e enerxética son os dous retos máis inmediatos para incrementar a competitividade do tecido empresarial galego

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurou hoxe en Vigo a conferencia ‘Economía galega en perspectiva’, organizada pola Confederación de Empresarios de Pontevedra

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Vigo, durante a clausura da conferencia Economía galega en perspectiva, organizada pola Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) o traballo que a Xunta está realizando para que Galicia sexa quen de facer fronte tanto á transformación dixital como enerxética do tecido empresarial galego, dous dos retos máis inmediatos de cara a contar cunha economía forte e competitiva.

O conselleiro fixo referencia ao contexto de inestabilidade tanto a nivel nacional como internacional e asegurou que Galicia está tendo un mellor comportamento grazas ao clima de estabilidade que ofrece. Lembrou a aposta que se está a realizar pola dixitalización das empresas a través da Estratexia de Internacionalización Intelixente (RIS3) de Galicia -coa que xa se levan concedidas 3700 axudas-, ou a Axenda Industria 4.0 -que no período 2019-2022 sumará a creación de 13.500 empregos industriais máis e mobilizará 900M€-.

Dentro da Axenda Industria 4.0, acábase de sumar a Estratexia Loxística de Galicia para impulsar a competitividade das empresas do sector da organización, abastecemento e transporte de mercancías que mobilizará 20M€ ata 2022 e, entre outras medidas, porá en marcha catro centros de apoio ao transporte por estrada; un proxecto de simplificación de trámites aduaneiros, unha plataforma dixital de co-carga, ou unha aceleradora sectorial.

No eido da transformación enerxética, defendeu unha transición xusta e ordenada como a que a Xunta está levando a cabo co impulso das enerxías renovables, a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, a Lei de residuos ou a Estratexia de Economía Circular.

Conde destacou que os orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o ano 2020 están deseñados á medida do contexto actual e para facer fronte aos retos do futuro. O obxectivo é contar cunha Galicia máis preparada -para o que se destinarán 260M€ en medidas que permitan anticiparse ás novas demandas profesionais das empresas cunha mellora da cualificación dos galegos e galegas-; unha Galicia máis innovadora -grazas aos 210M€ reservados á transformación dixital do tecido empresarial, ao mantemento do liderado nos sectores estratéxicos e ao impulso de novas áreas de negocio-; e unha Galicia máis verde -con 60M€ para compatibilizar o crecemento do novo modelo industrial co impulso dos valores e principios dunha economía verde, fomentando a cultura do aforro e da eficiencia enerxética, a bioeconomía, a industria forestal e as enerxías renovables-.

O conselleiro incidiu no compromiso da Administración galega por ser cada vez máis eficaz, eficiente e facilitadora. Neste sentido, a Lei de implantación empresarial permite a redución á metade dos prazos de tramitación das Iniciativas Empresariais Prioritarias e a captación de investimentos no sector industrial -en Galicia estanse executando 2000M€ en proxectos de PSA, Benteler, Finsa, Televés, Albo ou Estrella Galicia, entre outros-.

Neste sentido, finalizou convidando a un traballo conxunto e coordinado entre o tecido empresarial e a Administración autonómica para que Galicia sexa cada vez máis competitiva. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre