Inicio Galicia A Xunta defende o impulso da dixitalización, a economía verde e o...

A Xunta defende o impulso da dixitalización, a economía verde e o talento para construír en Galicia unha economía de maior valor engadido

0
image_gallery.jpg

O vicepresidente económico, Francisco Conde, participou esta mañá na inauguración da Galicia Maker Faire 2020


O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, defendeu esta mañá, na inauguración da Maker Faire Galicia 2020, o impulso da dixitalización, a economía verde e o talento para poder construír na Comunidade unha economía de maior valor engadido: “O talento é o motor de toda a transformación que temos por diante e se algo hai nesta Maker Faire é, precisamente, talento”, asegurou.

Conde destacou que esta nova edición do evento, que se desenvolverá 100% en liña, supón un reto de organización e unha mostra do compromiso de Galicia coa dixitalización e a aposta polas novas tecnoloxías como ferramenta para a creación de solucións innovadoras e como alternativa á presencialidade.

O vicepresidente explicou que a feira porá de manifesto ata onde pode chegar a creatividade tecnolóxica en eidos como a industria 4.0, a mobilidade, a alimentación e a saúde, ou a enerxía e a economía circular. Á súa vez, é unha oportunidade para que se dea cita o emprendemento galego a través das aceleradoras e startups das Business Factory Auto e Aero, así como o mundo da investigación.

Conde defendeu o fomento da innovación como eixe transversal e o compromiso do Goberno galego co impulso dunha Galicia máis innovadora, verde e social de cara a 2030 para o que os fondos europeos de recuperación serán unha gran oportunidade. Neste sentido, a Xunta xa trasladou ao Goberno de España os primeiros 108 proxectos deseñados da man do tecido produtivo que teñen como base a innovación e como obxectivo a modernización da industria galega e dos servizos públicos.“O elemento vertebrador da candidatura que presentamos aos fondos é a cooperación público-privada. Debemos identificar proxectos que impulsen a transformación, creen riqueza e emprego e acheguen resiliencia económica e social”, afirmou Conde, que convidou aos participantes a colaborar na identificación de novas iniciativas que se poidan sumar á candidatura galega.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre