Inicio Galicia A Xunta defende as iniciativas de impulso á comercialización dos produtos do...

A Xunta defende as iniciativas de impulso á comercialización dos produtos do mar para contribuír á reactivación do sector trala crise derivada do coronavirus

0

Rosa Quintana subliñou que as campañas de divulgación como a impulsada pola Organización de Produtores de Mariscos e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra permiten mellorar os prezos do mariscos e peixes

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe a importancia das campañas de promoción de produtos do mar de Galicia e valorounas como vitais para “contribuír á reactivación do sector tralos momentos máis duros da pandemia do coronavirus”. Así o sinalou durante a presentación da iniciativa Marisco da Illa. Tradición Saudable, impulsada pola Organización de Produtores de Mariscos e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra (OPP-20).

Alí a titular de Mar tamén puxo esta acción como exemplo de impulso á comercialización dos mariscos de Galicia -neste caso da ameixa rubia, da ameixa babosa e do camarón-, pois este tipo de campañas, subliñou, “aseguran que o valor se manteña porque ensinan a coñecer e recoñecer os produtos do mar e a súa calidade”.

Ademais, indicou, “permiten mellorar os prezos” e lembrou que no 2019 a facturación das lonxas galegas pola venda de moluscos bivalvos acadou o mellor dato da serie histórica, con máis de 88 millóns de euros. Rosa Quintana tamén engadiu que este tipo de iniciativas “enxalzan a imaxe e recoñecen o traballo dos profesionais do mar, pois a dureza do labor que realizan ten que ter tradución no prezo” e difunden a calidade duns produtos que son fundamentais para ter unha dieta saudable.

Deste xeito as campañas como a que hoxe se presenta contribúen á recuperación do sector e súmanse ás medidas adoptadas pola Consellería do Mar a través do plan Avantemar, que conta cun orzamento de 77 millóns de euros para 2020 e de 14 millóns para 2021 co obxectivo de que non quede ninguén no camiño da recuperación e que o sector volva o antes posible aos niveis de actividade previos á pandemia.

Neste sentido, a conselleira puxo de relevo e agradeceu o importante labor do sector que realizou un gran esforzo durante a pandemia para subministrar alimento á cidadanía. Destacou especialmente o caso do marisqueo, que foi un dos sectores que máis sufriu o peche da canle Horeca, con caídas nas vendas que nalgúns momentos chegaron ata o 96% e que aínda así deron exemplo de organización ao reabrir as canles de comercialización de xeito progresivo.

Rosa Quintana tamén tivo palabras de agradecemento para a OPP-20 pola posta en marcha de Marisco da Illa. Tradición Saudable e tamén para a confraría da Illa de Arousa, entidades que traballan estreitamente para facer da Illa un espazo de produción sustentable. Este labor, explicou Rosa Quintana, esténdese ao eidos social, económico e ambiental, pois xuntas defenden os intereses dos seus socios, desenvolven iniciativas como a que hoxe se presenta e realizan recollidas de lixo de xeito voluntario que fan que o litoral da Illa sexa das contornas máis limpas de Galicia.‘Marisco da Illa. Tradición Saudable’Marisco da Illa. Tradición Saudable é unha campaña de divulgación impulsada pola OPP-20 que anima ao consumo de marisco de calidade, en concreto de ameixa rubia, ameixa babosa e camarón, que son as especies que supoñen un importante activo económico para o colectivo de marisqueo a frote e a pé da Illa de Arousa. Tamén fai fincapé na tradición e historia do oficio do marisqueo e da pesca e nos beneficios que ten para a saúde o consumo de produtos do mar.

Con ese obxectivo inclúe entre as súas accións a elaboración dun receitario de cociña das tres especies obxecto de promoción. Esta acción desenvólvese no marco do plan de produción e comercialización da OPP-20, unha ferramenta coa que estas organizacións axudan a impulsar o desenvolvemento das vilas costeiras de Galicia e a mellora da economía da súa contorna.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre