Inicio Galicia A Xunta defende a importancia da participación dos entes rexionais e locais...

A Xunta defende a importancia da participación dos entes rexionais e locais da UE na vindeira Conferencia sobre o futuro de Europa

0

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu á última reunión da Comisión CIVEX no mandato 2015-2020


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Bruxelas na que foi a última reunión da Comisión CIVEX durante o presente mandato do Comité Europeo das Rexións (CdR). Na reunión, os representantes rexionais e locais da UE fixeron un balance final sobre as actividades realizadas e os logros acadados pola Comisión CIVEX durante o mandato e mantiveron dous interesantes debates: unha discusión sobre a participación do CdR na vindeira Conferencia sobre o Futuro de Europa prevista pola Comisión Europea para comezos do 2020, e un segundo debate, vinculado ao primeiro, que abordou as actuacións futuras dos entes locais e rexionais europeos no diálogo permanente cos seus cidadáns.

O primeiro debate centrouse na posición que ha de defender o Comité Europeo das Rexións na próxima Conferencia sobre o Futuro de Europa prevista a inicios do 2020 e que durará dous anos. Trátase dunha cita de primeiro nivel político proposta polo executivo europeo de Ursula von der Leyen de cara a reunir e escoitar a voz de todos os axentes implicados na evolución e os futuros retos que deberá afrontar a Unión Europea: institucións e órganos europeos, gobernos dos Estados membros, autoridades locais e rexionais, xunto á propia cidadanía europea. Neste sentido o director xeral de Relacións Exteriores, así como o resto de líderes rexionais europeos, consideran que os 80.000 entes locais e as 280 rexións da UE representados institucionalmente no Comité Europeo das Rexións son socios clave á hora de aumentar a implicación dos cidadáns na elaboración das políticas europeas, mellorar a gobernanza, incrementar a democracia e reforzar a confianza no proxecto de construción europeo que representa a UE. «O CdR debe servir de ponte entre a cidadanía europea e as institucións comunitarias», afirmou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.

Actualmente, os entes rexionais e locais europeos son as autoridades públicas responsables de aplicar un 70% das políticas e a lexislación da UE e, grazas á súa proximidade e ao coñecemento da realidade social de cada zona, manteñen un diálogo estruturado e permanente cos cidadáns e empresas emprazadas no seu territorio. É por iso que, para Gamallo, estes entes subnacionais deben mellorar no futuro a súa participación en todas as fases do proceso de toma de decisións da UE e, por tanto, ter un papel importante na próxima Conferencia sobre o Futuro de Europa.

Esta visión é compartida polo executivo comunitario liderado por Ursula von der Leyen, pois a vicepresidenta da Comisión Europea de Democracia e Demografía, Dubravka Šuica, responsable da Conferencia sobre o Futuro de Europa, remarcou o labor clave que teñen que realizar as rexións e municipios de Europa no seo deste cumio. «A Conferencia é inimaxinable sen as autoridades locais e rexionais. Incluiremos a todas as partes interesadas: ONG, entes locais e rexionais e parlamentos nacionais. Pero os entes locais e rexionais serán os máis importantes porque é a maneira máis sinxela de chegar aos cidadáns», declarou Šuica na súa audiencia do 3 de outubro ante o Parlamento Europeo.

Debate sobre as actuacións dos entes rexionais e locais no diálogo coa cidadaníaNo contexto do debate temático sobre o futuro de Europa, houbo un intercambio de puntos de vista sobre un documento de traballo relativo ao papel dos entes locais e rexionais no marco do diálogo permanente cos cidadáns. Este documento defende dar un maior protagonismo á participación cidadá, propoñendo novas formas de colaboración na política e lexislación europea por parte da sociedade civil como, por exemplo, a través de procesos de deliberación, iniciativas cidadás, orzamentos participativos ou procesos de lexislación participativa. Tamén se expón a cuestión do rol que deben desempeñar as administracións subestatais -gobernos locais e rexionais- no diálogo permanente coa cidadanía, propoñendo, entre outras medidas posibles, unha rede de gobernos multinivel que se constrúa de forma ascendente desde as entidades locais e rexionais, pasando polos gobernos nacionais ata as institucións europeas.

Así mesmo, o texto incide na sensación xeneralizada entre a cidadanía sobre a falta de comunicación e distancia entre as institucións comunitarias e os cidadáns europeos. Neste senso, o documento propón constituír un ‘ecosistema de infraestruturas de participación’, integrado por un conxunto de axentes, espazos, metodoloxías, instrumentos e tecnoloxías co obxectivo común de facilitar as canles multinivel de diálogo entre os cidadáns e as súas institucións democráticas a nivel local, rexional, nacional e europeo. Este novo ecosistema de infraestruturas participativas serviría para complementar as habituais canles oficiais de comunicación e representación das institucións democráticas europeas, pero non co fin de substituír a democracia representativa, senón para enriquecela cos instrumentos e medios que aporta a democracia deliberativa e, ás veces, a democracia directa.

Debate en torno ao diálogo anual coa Axencia dos Dereitos FundamentaisPara concluír esta 26ª reunión da Comisión CIVEX celebrouse un debate no seo do diálogo anual coa Axencia dos Dereitos Fundamentais. En concreto, se discutiu sobre a maneira más idónea de poñer en práctica a Carta dos Dereitos Fundamentais da UE desde unha perspectiva rexional e local. A Carta da UE é un catálogo de dereitos humanos que contén principios e dereitos que vinculan á UE e aos seus Estados membros nos casos en que aplican o Dereito da Unión.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre