Inicio Galicia A Xunta defende a formación á carta para contar con persoal cualificado...

A Xunta defende a formación á carta para contar con persoal cualificado que dea resposta ás necesidades empresariais

0

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou esta mañá, en Vilalba, aos alumnos da Unidade formativa de Greenalia en materia de manexo e mantemento de equipos de recolección de biomasa forestal

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou esta mañá, en Vilalba, a Unidade formativa para desempregados da empresa Greenalia, onde un total de 59 alumnos se están formando no manexo e mantemento de equipos de recolección de biomasa forestal. Na súa visita, o director xeral destacou a importancia de ofrecer unha formación a carta que permita contar con traballadores cualificados que dean resposta ás necesidades empresariais.

Neste caso, Greenalia precisa de persoal para os traballos de recollida de biomasa necesarios para poñer en marcha a planta de biomasa que comezará a operar no concello de Curtis no ano 2020. En concreto, necesita 67 persoas e 24 delas serán seleccionadas de entre os 59 alumnos que se están formando na Unidade Formativa. Nunha segunda fase contratará ao resto do equipo mediante accións formativas similares.

Precisamente, a Xunta, mantén aberta, ata o vindeiro 7 de outubro, a nova convocatoria das Unidades Formativas na Empresa para desempregados na que se invisten 3 millóns de euros co obxectivo de formar a 1500 parados a través de 100 cursos. As empresas beneficiarias comprométense a contratar polo menos ao 40% dos alumnos e alumnas que participen na medida dentro do seu reto de contar cunha Galicia máis preparada. A Xunta, ademais, apoiará ás compañías nas contratacións cando superen o compromiso fixado do 40%.

Ademais dos cursos destinados a persoas desempregadas, poñeranse en marcha Unidades formativas para que as empresas melloren a cualificación dos seus propios traballadores. Así, entra as dúas liñas, o Goberno galego destina 8 millóns de euros á nova edición das Unidades Formativas na Empresa, para que as compañías galegas as poñan en marcha e chegar a 4500 persoas traballadoras e desempregadas, atendendo así ás demandas reais do tecido produtivo galego e poñendo o foco nos sectores estratéxicos da Axenda Industria 4.0.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre