Inicio Galicia A Xunta de Galicia traballa na erradicación do maltrato infantil no ‘I...

A Xunta de Galicia traballa na erradicación do maltrato infantil no ‘I Foro Vacínate fronte aos abusos’

0

Está dirixido a profesionais do mundo da psicoloxía, da xustiza e da pedagoxía, así como a educadores sociais e a asociacións e colectivos do eido

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, acompañada da delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, inaugurou esta mañá no auditorio municipal de Ourense o I Foro Vacínate fronte aos abusos, unha xornada organizada pola Xunta de Galicia que ten como obxectivo traballar na erradicación do abuso sexual en nenos, nenas e adolescentes. Este encontro enmárcase na celebración hoxe do Día internacional da loita contra o maltrato infantil.

A xornada, dirixida a profesionais do mundo da psicoloxía, da xustiza e da pedagoxía, así como a educadores sociais, asociacións e colectivos do eido, conta cunha tripla perspectiva: a do estudo e intervención; a parte da sociedade na que os asistentes puideron coñecer a intervención que se realiza desde a Fiscalía de Menores así como o plano máis práctico da vida diaria nun centro escolar a través de dúas profesionais con experiencia nestes casos; e a voz das entidades que están a realizar traballos nesta materia como a Fundación Vicki Bernardet, Fundación Meniños e a Asociación Aminogal.

Leer más:  Burela (Lugo) estará presente en 'El Grand Prix del Verano' 2024 junto con otras 13 localidades españolas

O abuso sexual infantil é un tipo de malos tratos graves que impacta profunda e globalmente sobre a persoa menor de idade, danándoa na súa integridade física, no seu desenvolvemento e nos seus vínculos coas demais persoas. “Na Xunta de Galicia somos conscientes de que a violencia sexual contra os menores é un fenómeno escasamente denunciado por elo é vital traballar na difusión e na formación dos profesionais para que detecten de xeito áxil estas situacións”, explicou a directora xeral.

Amparo González lembrou que Galicia foi a primeira comunidade en adherirse de forma oficial á campaña do Consello de Europa para a Prevención da violencia sexual contra nenos, nenas e adolescentes Un de cada cinco.

Cómpre destacar que no 2017 a Xunta de Galicia impulsou diversas iniciativas para erradicar a violencia sexual infantil. Neste sentido, destacan as campañas 37milsorriSOS e #acendamolaluz, a través das cales se realizou a divulgación de material dixital sobre esta materia. Ademais, tamén puxo en marcha Liana, o programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abusos sexuais, que ten como obxectivo o tratamento terapéutico en menores vítimas das diferentes formas de abuso sexual infantil e o asesoramento e acompañamento ás familias e equipos profesionais dos que depende o seu coidado. Outro dos piares fundamentais nesta materia porase en marcha este mesmo ano a través dun programa de difusión da campaña Un de cada cinco, co obxectivo de sensibilizar ao profesorado e ás familias sobre esta problemática.

Leer más:  Los artistas que encabezan el cartel del Surfin the Lérez 2024 son The Rapants, Grande Amore, Niños Mutantes, Joe Crepúsculo y Ortiga

Finalmente, cómpre lembrar que a Xunta de Galicia dispón dun servizo telefónico de atención ao menor de carácter gratuíto e que funciona todo o ano as 24 horas do día. Trátase do 116 111, atendido por profesionais e ao que poden dirixirse tanto aqueles nenos ou nenas que nalgún momento se sintan maltratados por outra persoa, precisen axuda ou simplemente queiran falar do que lles preocupa; como aquelas persoas que saiban ou sospeiten que algún menor poida estar sendo vítima de violencia ou non estar sendo correctamente atendido.


- Te recomendamos -