Inicio Galicia A Xunta de Galicia recoñece á billarda como modalidade deportiva

A Xunta de Galicia recoñece á billarda como modalidade deportiva

0

Na resolución asinada polo secretario xeral para o Deporte, ademais dos seus valores estritamente deportivos, asegúrase que a billarda “reforza unha xestión sa e sostible do entorno natural e fortalece a tradición galega”


A Xunta de Galicia, a través dunha resolución asinada polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de recoñecer como modalidade deportiva en Galicia á billarda así como autorizar a súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia das entidades deportivas que a practiquen, en exercicio das súas funcións atribuídas pola Lei 3/2012, do 2 de abril, de deporte de Galicia. A resolución do recoñecemento da billarda como modalidade deportiva sairá publicada nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia e establécese como paso previo a creación dunha nova federación na que se incluirán os deportes populares e tradicionais de Galicia e na que xa traballa a Secretaría Xeral para o Deporte.

Deste xeito, o Goberno galego continúa sumando fitos ao seu pulo polos deportes populares e tradicionais de Galicia como demostra a unidade didáctica BBC -bolos, billarda e chave- do programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar) a través da que “os escolares practican unha actividade física e deportiva ao tempo que promoven, e axudan a manter, a cultura e tradición galega”.

Segundo a resolución asinada polo secretario xeral para o Deporte, “a actividade física e deportiva, e sobre todo a práctica dos xogos de equipo, son unha parte esencial das vidas e da historia dos pobos. O deporte está vinculado á identidade e á cultura, e axuda a entender a forma de ser das persoas que os practican. Ademais, o seu valor subxacente como transmisor de valores, fai do elemento deportivo un aspecto esencial na formación e na educación formal e non formal dos mozos e mozas, impulsando unha cidadanía activa, tolerante e solidaria. Neste marco xeral e común a toda práctica deportiva, a práctica da billarda reforza ademais unha xestión sa e sostible do entorno natural, e fortalece unha tradición galega que é común, e nos une, a sitios tan dispares do globo”.

No documento aprobado hoxe, o mandatario galego tamén enxalza o labor da Liga Nacional de Billarda organizada no momento actual en tres conferencias -nordeste, noroeste e Rías Baixas- e que engloba a deportistas e clubs das distintas provincias galegas.

Cómpre salientar que tras o regreso da Liga Nacional de Billarda o pasado domingo 21 na conferencia noroeste cunha xornada disputada en Laracha (A Coruña), esta fin de semana terá lugar na conferencia Rías Baixas unha nova xornada que se levará a cabo en Bueu e suporá a estrea da billarda como modalidade deportiva. Estes eventos contan cun protocolo de medidas de protección e prevención de contaxios da covid-19.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre