Inicio Galicia A Xunta de Galicia realiza unha actuación de urxencia para recuperar do...

A Xunta de Galicia realiza unha actuación de urxencia para recuperar do río Sar a talla dunha posible virxe gótica

0

A Consellería de Cultura foi recentemente informada pola Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego deste achado arqueolóxico casual e procedeu de xeito inmediato á súa retirada e depósito no Museo de Peregrinacións

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañados por responsables da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (APATRIGAL) e do responsable do achado, supervisaron esta mañá o comezo do traballo de recuperación dunha talla de vulto redondo que representa unha Virxe sedente con anxos. A escultura será trasladada ao longo do día de hoxe ao Museo das Peregrinacións e de Santiago, onde será depositada e estudada en profundidade para determinar o seu valor patrimonial.

O titular de Cultura agradeceu a estreita colaboración e a dilixencia no proceder de APATRIGAL, mediadora neste caso entre a persoa responsable do achado, un particular que estaba a practicar a pesca deportiva na zona, e a Administración autonómica. Así mesmo, destacou a dilixencia e precisión “que garantan a integridade da peza” na recuperación e traslado da devandita escultura. A peza atopábase no leito do río Sar, nun treito con pouco caudal situado na parroquia de Conxo.

Hipóteses iniciais arredor da pezaProvisionalmente, os especialistas consultados explican que a obra, realizada en granito, podería encadrarse no estilo gótico galego. A escultura está tallada en catro das súas cinco faces e representa a unha virxe entronizada co Neno. A ambas bandas da virxe, nos seus ombreiros, xorden dous anxos (putti) e, se ben están bastante desgastados, apréciase o rostro e a man de cada un deles suxeitando algún obxecto ou o propio manto da Virxe.

Os investigadores sinalan que se poida tratar dunha talla suspendida, que se situaría embutida nunha parede, quedando na súa practica totalidade ao aire. Esta posibilidade vén reforzada pola decoración que presenta a peza na base, describindo unha flor de catro pétalos central e follas de acanto entrelazadas, que non tería sentido se estivera apoiada noutra estrutura. Obsérvase que tanto a cara da Virxe como a cabeza do neno desapareceron. Probablemente, por un impacto antigo tendo en conta o desgaste dos bordes das arestas da rotura feito co obxecto de desacralizar a peza.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre