Inicio Galicia A Xunta de Galicia inviste preto de 400.000 euros en obras de...

A Xunta de Galicia inviste preto de 400.000 euros en obras de mellora de 27 escolas infantís de iniciativa social

0

Este investimento irá destinado a renovar as instalacións de 20 entidades da provincia de Pontevedra, seis da Coruña e unha de Lugo

A Xunta de Galicia vén de conceder a 27 escolas infantís dependentes de entidades privadas de iniciativa social (EPIS) achegas económicas por un valor de preto de 400.000 euros para a mellora das instalacións, a adquisición de novo equipamento e a incorporación de novas tecnoloxías. Política Social concede estas axudas, financiadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feader), por terceiro ano consecutivo.

O Goberno galego chegou a todas as EPIS que solicitaron estas axudas e reunían os requisitos establecidos na convocatoria: 20 na provincia de Pontevedra, seis da Coruña e unha en Lugo. Así, concédese a práctica totalidade do investimento subvencionable cunha contía máxima que pode recibir cada centro de 25.000 euros: 15.000 euros para as obras de mellora e de 10.000 para a compra de equipamento máis a integración das novas tecnoloxías nas aulas. Máis en concreto, as intervencións subvencionables son as obras menores de adecuación da infraestrutura, así como traballos novos que melloren a accesibilidade da escola ou a doten dos servizos necesarios. Estas axudas tamén cobren a adquisición e renovación do equipamento do centro, incluído o mobiliario exterior ou interior e o material didáctico e de xogo. Así mesmo, as achegas están dirixidas a dotar aos centros de conexión a internet e a compra de dispositivos tecnolóxicos como encerados dixitais ou ordenadores, entre outros. As entidades teñen de prazo para xustificar as intervencións feitas ao abeiro desta orde ata o día 5 do vindeiro mes de decembro.

Aposta pola infanciaEstes investimentos en EPIS responden ao compromiso do Executivo galego coas familias e a infancia. Trátase de que as nais e os pais teñan ao seu alcance os mellores centros para os seus fillos e fillas e, ademais, de facilitar a conciliación. A día de hoxe Galicia ofrece máis de 25.000 prazas en escolas infantís de 0 a 3 anos sostidas con fondos públicos, o que eleva a ratio de cobertura a preto do 44% -nove puntos máis que a mínima recomendada pola Unión Europea-.

Nesta liña, cómpre indicar que os novos orzamentos da Xunta para 2020 destinan 160,9 millóns de euros a políticas de apoio ás familias e á infancia, un 12,8% máis que o ano pasado.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre