Inicio Galicia A Xunta de Galicia incrementa un 25% ata os 2,5 M? o...

A Xunta de Galicia incrementa un 25% ata os 2,5 M? o importe das subvencións á produción e coprodución audiovisual en 2020

0

Así o anunciou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, na presentación da serie ‘Auga seca’, coprodución da TVG e a RTP que conta cunha colaboración da Administración autonómica de 260.000 euros

A Xunta de Galicia incrementará un 25% o importe económico das subvencións á produción e coprodución audiovisual ata os 2,5 millóns de euros para 2020. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, na presentación da serie Auga seca, unha coprodución da empresa coruñesa Portocabo e da lusa SP-i para a TVG e a RTP coa que colabora a Administración autonómica. A convocatoria, que será publicada en febreiro, aumenta a súa dotación económica en medio millón de euros con respecto a 2019.

Durante a presentación, o titular de Cultura, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, lembrou que Auga seca foi beneficiaria destas axudas en 2017 cun importe de 260.000 euros, cantidade que permitiu que este proxecto da produtora galega Portocabo e da empresa portuguesa SP-i sexa hoxe unha realidade. Cómpre destacar que Portocabo tamén obtivo unha das axudas da Unión Europea á difusión televisiva a través do programa Europa Creativa, sendo a primeira vez que unha produtora galega recibe este apoio.

Auga seca rodouse na cidade de Vigo e en diversos puntos da súa área de influencia como o cabo Estai, Redondela, Louredo-Mos, Beade, Rebullón, porto de Guixar e Porriño. Deste xeito, a serie postúlase como un escaparate inmellorable para que os espectadores coñezan os distintos escenarios que ofrece o suroeste de Galicia. A rodaxe completouse con localizacións na cidade lusa de Lisboa.

A coprodución desta serie é froito dos encontros Portugal-Galicia que a Xunta promove desde hai anos. Neste sentido, existe un memorandum de entendemento entre a Administración galega e o Instituto do Cine e do Audiovisual portugués para seguir coordinando accións e impulsando proxectos entre os dous territorios. A serie está rodada en galego e portugués, dando así cumprimento á Lei Paz Andrade.

Elenco e equipo técnicoA rodaxe de Auga seca reuniu máis de 150 profesionais, entre técnicos e intérpretes, así como máis de 300 figurantes durante a súa gravación. Este thriller arredor do tráfico de armas e do crime organizado está protagonizado polos actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, así como pola actriz portuguesa Victoria Guerra. A historia comeza cando Teresa regresa a Vigo desde Lisboa para pescudar a verdade sobre o suposto suicidio do seu irmán, ao tempo que a investigación policial terá que desentrañar unha rede delituosa acostumada a agocharse baixo unha legalidade aparentemente perfecta.

Eva Fernández, Paloma Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias, Adrián Ríos e João Arrais tamén forman parte do elenco desta nova serie, que contará con seis episodios de 50 minutos cada un e que chegará ao público galego o domingo 2 de febreiro a través da TVG e ao portugués, onde xa se está a emitir pola RTP. Toño López asumiu a dirección baixo a produción executiva de Alfonso Blanco, quen tamén asina o argumento xunto con Pepe Coira, Araceli Gonda, José Rubio, Eligio Montero, Carlos Portela e Ana Míguez. No guión traballaron Lidia Fraga, Carlota Dans, José Rubio e Eligio Montero, a dirección de fotografía é de Ricky Morgade, a dirección de arte, de Andrea Pozo, e a música, de Elba Fernández e Xavi Font.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre