Inicio Galicia A Xunta de Galicia incrementa nun 11% as axudas ás asociacións de...

A Xunta de Galicia incrementa nun 11% as axudas ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago

0

Consígnase unha partida de 100.000 euros para apoiar proxectos relacionados coa dotación de servizos e a difusión da cultura xacobea


A Consellería de Cultura e Turismo incrementa nun 11% as axudas dirixidas ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago na nova convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), de xeito que a Administración autonómica investirá un total de 100.000 euros nestas achegas.

Esta cantidade distribuirase entre as dúas liñas desta convocatoria. A primeira, coa que se subvencionarán accións de dotación de servizos, accesibilidade, novas tecnoloxías e sustentabilidade ambiental, formación e programas de hospitaleiros voluntarios e accións de mellora de albergues, contará cunha partida de 50.000 euros. Para a segunda liña, relacionada co estudo e documentación do fito xacobeo, coa difusión da cultura xacobea e publicacións relativas á difusión da cultura xacobea, destinaranse outros 50.000 euros. Como máximo, cada entidade beneficiaria poderá recibir 10.000 euros.

As axudas articúlanse a través dunha convocatoria en concorrencia competitiva e poderán solicitalas as asociacións de amigos do Camiño de Santiago e outras entidades legalmente constituídas que teñan como finalidade a promoción da Ruta Xacobea e a súa peregrinación.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde se poden consultar as bases completas.

Esta liña de axudas enmárcase no traballo da Xunta por apoiar o labor que realizan as asociacións de amigos de Camiño de Santiago, que suman máis de 300 en todo o mundo. Cómpre lembrar que o labor que desenvolven estas asociacións é un dos grandes piares do Camiño de Santiago e que, polo tanto, resulta clave a súa implicación e colaboración na planificación do Xacobeo 21. Neste sentido, tense proposto xa a creación dunha mesa de traballo para avanzar en novos proxectos, ampliando a fecunda colaboración desenvolvida entre a Xunta e o movemento asociativo xacobeo nos últimos anos na nosa Comunidade.

XXI Premio Elías ValiñaComo parte do recoñecemento ao seu traballo, a Xunta de Galicia, vén de conceder de xeito compartido o XXI Premio Elías Valiña á Asociación Jacobea de Almería, Camino Mozárabe, e a Les Amis du Chemin de Saint Jacques Pyrénées Atlantiques. Este galardón, dotado con 10.000 euros, é un recoñecemento institucional e social ao esforzo protector e de fomento do coñecemento dos valores propios do Camiño de Santiago por parte das asociacións fundacións e entidades sen ánimo de lucro que inclúan estes fins no seu obxecto social. Así mesmo, outórgase a mención especial ao sacerdote Antolín de Cela Pérez, vinculado á acollida ao peregrino e á Ruta Xacobea.

O xurado, que estivo composto por membros da Consellería de Cultura e Turismo, do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e por especialistas en materia xacobea, valorou as candidaturas en función das intervencións encamiñadas á protección do patrimonio, dos traballos de investigación, de documentación e de fomento do coñecemento do Camiño para difundilo entre a cidadanía e as accións enfocadas a potenciar os valores propios do Camiño na súa dimensión solidaria e social.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre