Inicio Galicia A Xunta de Galicia impulsa o II Concurso de Canto 'Compostela Lírica'...

A Xunta de Galicia impulsa o II Concurso de Canto 'Compostela Lírica' da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago

0

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación do certame, que esta semana celebrará a fase final


O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do II Concurso de Canto Compostela Lírica, organizado pola Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela (ADOC) en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, o Conservatorio Profesional de Música e a Universidade de Santiago.

Este certame contou coa participación de 40 cantantes dos que 27 participarán esta fin de semana na fase eliminatoria e na fase final do certame no Teatro Principal de Santiago. Así, voces procedentes de España, Estados Unidos, Ucraína, Venezuela, México, Alemaña, Portugal e Puerto Rico competirán polo primeiro premio, dotado con 3000 euros e un recital remunerado. Tamén haberá un segundo premio de 1000 euros con recital remunerado.

Nesta segunda edición, hai cinco aspirantes que ademais de competir polo primeiro e segundo premio, optan ao Premio Andrés Gaos, patrocinado polo Consello da Cultura Galega e consistente nunha actuación remunerada. O representante da Xunta destacou o alto nivel que presentan todos os participantes nesta cita, que se consolida neste ano como o único certame das súas características no norte de España.

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá o sábado a partir das 17,00 h. a primeira fase eliminatoria, na que cada participante interpretará un aria fronte ao xurado, conformado polo crítico musical Artur Reverter Gutiérrez, o director artístico da Ópera de Oviedo, Celestino Varela; o director dos Coros da Orquestra Sinfónica de Galicia, Joan Company Florit; a crítica musical Victoria Stapells e a mezzosoprano e profesora de canto Graziela Valceva Fierro. O secretario de ADOC, José María Miranda, actuará á súa como secretario do xurado. Este tribunal, conformado por persoeiros de recoñecido prestixio, escollerán ao remate da xornada os finalistas que, o domingo a partir das 19,00 h., volverán subir ao escenario do Teatro Principal para competir na fase definitiva. Ambas as dúas fases, eliminatoria e final, están abertas ao público e cada espectador poderá adquirir as entradas no despacho de billetes do Teatro Principal no seu horario habitual (de martes a sábado, de 18,00 a 21,00 h. e nos días de evento antes do seu inicio). As entradas custan cinco euros para o público xeral, mentres que para os asociados de ADOC será de balde.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre