Inicio Galicia A Xunta de Galicia expón a Axenda cos 25 asuntos máis urxentes...

A Xunta de Galicia expón a Axenda cos 25 asuntos máis urxentes e prioritarios que o próximo Goberno de España debe atender nos primeiros meses da seguinte lexislatura

0

Salienta que a Axenda clarifica, transparenta e publica as necesidades prioritarias da Comunidade para o próximo Goberno central, “ocorra o que ocorra” nas eleccións e quen conforme o Goberno


O presidente a Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu a coñecer hoxe a Axenda cos 25 asuntos máis urxentes e prioritarios de Galicia que o próximo Goberno de España debe atender nos primeiros meses da seguinte lexislatura, con independencia, dixo, de como se configuren as Cortes Xerais.

Con esta Axenda Galicia, explicou Feijóo, o Executivo galego clarifica, transparenta e publica as necesidades prioritarias da Comunidade para o próximo Goberno central, “ocorra o que ocorra” nas eleccións e quen conforme o Goberno. “Os intereses de Galicia van ser iguais”, incidiu.

Nesta liña, o titular do Goberno galego considerou oportuna a Axenda, xa que “nun momento no que todo se politiza”, Galicia quere deixar claro que defende e vai defender o mesmo, con independencia do partido político que sustente o Goberno.

Así mesmo, cualificouna de necesaria, para que o Executivo estatal saiba desde o primeiro día cales son as propostas de Galicia “e non imos cambiar”: “Estas son as propostas que Galicia formula ao Goberno central e as dicimos moi claramente”, reiterou. “Levamos moito tempo soportando as consecuencias da inestabilidade”, sentenciou, engadindo que aínda que o bloqueo se supere despois dos comicios, Galicia “non vai ter escusas”.

Ademais, Feijóo sinalou que Galicia está lexitimada para facer peticións porque a nosa forma de ser en España é dobre: leal e, precisamente por isto, esixente. “Non queremos ser máis que ninguén, pero loxicamente non aceptamos ser menos”, abundou.

Os 25 asuntos da Axenda Galicia máis inmediata “son prioridades, todas elas reiteradas ao longo dos últimos meses, mesmo algunha dos últimos anos”, dixo, subliñando que, entre elas, hai decisións que a Xunta considera que hai que adoptar de forma inmediata; outras son cuestións que deben formar parte dos próximos Orzamentos do Estado; e tamén se recollen temas a abordar con axilidade para evitar a tendencia do Goberno central de aprobar medidas que despois pagan as Comunidades.

A continuación, o titular da Xunta enmarcou as 25 cuestións, sen detrimento de que haxa outras tamén necesarias, en cinco eixos: lograr un financiamento máis xusto; cumprir os compromisos adquiridos en canto ás infraestruturas pendentes; defender sectores estratéxicos para a nosa economía, especialmente de tipo industrial; traballar conxuntamente para cumprir cos servizos públicos; e os compromisos do Goberno central para os Anos Santos de 2021, 2027 e 2032.

Un financiamento máis xustoDentro do obxectivo dun financiamento máis xusto, Feijóo mencionou en primeiro lugar o aboamento completo da débeda de 700 millóns de euros asumida polo Goberno central por diversos conceptos financeiros, da que, despois do anuncio do pago das entregas a conta –aínda sen ingresar-, segue pendente o pago dunha mensualidade do IVE (200 M€) e das compensacións ás comunidades cumpridoras (170 M€).

En relación a isto, Galicia segue a solicitar un novo sistema de financiación autonómica, que debe concretar os seus principios básicos. “Trátase de ponderar en maior medida o envellecemento e a dispersión da poboación”, detallou, mencionando tamén a inclusión dunha peza separada para a Sanidade pública.

O Goberno galego propón así mesmo unha Estratexia nacional fronte ao reto demográfico, tendo en conta, explicou Feijóo, que é un dos principais problemas que condiciona o futuro de Galicia e do resto das comunidades. Sobre isto, agregou a necesidade de que se teñan en conta as características demográficas á hora de asignar fondos ou de aprobar novas medidas.

Ademais, como se destacou ao longo do Consello de hoxe, a nosa Comunidade reitéralle ao Goberno do Estado que defenda os intereses galegos no marco das relacións coa UE. En primeiro lugar, os intereses afectados polo Brexit, con especial atención ao sector pesqueiro, e por outra banda, Galicia precisa que a asignación procedente dos fondos de cohesión non se vexa diminuída.

Impulso ás infraestruturas pendentesO segundo piar da Axenda ao que se referiu o presidente da Xunta foi o impulso ás infraestruturas pendentes, con especial atención ao relacionado coa finalización da liña AVE entre Galicia e Madrid, cuxas obras sofren “un atraso incuestionable”. O Executivo galego mantén a demanda de que se aborde con transparencia e con rigor informativo, co obxectivo de que se finalice en 2020 e estea operativo en 2021.

Así mesmo, Feijóo pediu que se clarifique o calendario en cuestións como a finalización das obras e da posta en circulación dos trens de alta velocidade, que unan as sete cidades galegas con Madrid nos tempos previstos; a planificación e execución da conexión a Lugo en 4 horas; as obras planificadas de estacións intermodais; a variante exterior en Ourense; ou o impulso do AVE a Vigo, así como a planificación de modernización das conexións aproveitando a oportunidade da inclusión da Comunidade no Corredor Atlántico Europeo. A maiores, citou o reforzo dos servizos de viaxeiros coa vista posta no Xacobeo 2021; a mellora da política tarifaria; a planificación sobre o ancho de vía; e a adaptación dos aeroportos unha vez que o AVE estea finalizado.

En canto ás necesidades en materia de estradas que o próximo Goberno de España debe ter en conta de xeito prioritario están: a execución das obras para mellorar a funcionalidade e conectividade da AP-9; as bonificacións na AP-9 e na AP-53; finalización das obras da autovía Lugo-Santiago, así como da variante de Ourense e do resto da autovía Lugo-Ourense; ou a solución definitiva aos problemas ocasionados pola néboa na A-8. Ademais, o Goberno galego reitera a petición de transferencia á Comunidade da titularidade da AP-9, unha solicitude que, aseverou Feijóo, é “unánime” tanto por parte do Goberno galego coma do Parlamento de Galicia.

En materia de augas, o responsable da Administración galega remarcou que debe existir unha implicación no saneamento integral das rías e ríos galegos co impulso, execución e financiamento das obras hidráulicas declaradas de interese xeral do Estado. A isto engadiu a solicitude ao respecto da débeda das infraestruturas portuarias.

Apoio aos sectores produtivosDespois das infraestruturas, Feijóo fixo fincapé na situación das industrias electrointensivas. Así, requiriu que se poñan en marcha canto antes medidas que favorezan un prezo eléctrico estable, para manter os arredor de 5.000 empregos en risco, con especial atención a Alcoa San Cibrao, subliñou.

Sobre isto, lembrou tamén a urxencia na aprobación dun Estatuto electrointensivo. De feito, a Xunta xa elaborou unha proposta aos partidos políticos de ámbito nacional co obxectivo de “que os inclúan nos seus programas electorais”.

En relación ao futuro da industria, a Axenda tamén recolle a necesidade de abordar unha transición ordenada no eido enerxético, en concreto con medidas específicas para evitar o peche da central térmica das Pontes, así como con alternativas industriais ao peche da térmica de Meirama. Ademais, Galicia solicita a convocatoria de novas poxas de renovables para o impulso deste tipo de enerxías.

Na liña da busca de apoio para o futuro da nosa industria, Feijóo salientou igualmente a necesidade de “non incrementar a fiscalidade sobre o diésel, mentres prosigue a caída libre de matriculación de vehículos novos”, para non comprometer o sector da automoción, un ámbito no que para a súa competitividade o Executivo galego ve fundamental a construción da nova subestación eléctrica en Balaídos.

Así mesmo, as peticións inclúen a garantía de carga de traballo en Navantia para os próximos dous ou tres anos, ademais de cumprir o compromiso de adxudicar un buque de aprovisionamento para a Armada que sirva de barco-ponte nese período baleiro, pois de non resolverse a situación actual non haberá carga de traballo ata 2022. E, por último, tamén están as incertezas xeradas ao respecto do regulamento da Lei de Costas, unha cuestión que cómpre reverter, dixo Feijóo, porque afecta de forma directa ao sector pesqueiro, ao forestal e a diversos servizos públicos.

Mellora dos servizos públicosPor outra banda, a Axenda Galicia non esquece os servizos públicos. Entre eles, o titular do Goberno galego destacou a necesidade de que a próxima lexislatura sirva para materializar un Pacto pola Educación e, de xeito concreto, citou a importancia de coordinar o contido e alcance, así como a dificultade, nas probas de Selectividade.

Dentro das 25 cuestións, para o Executivo autonómico tamén se atopa a necesidade de abordar de forma completa a viabilidade da Sanidade Pública para o futuro, con dous temas prioritarios: paliar a escaseza de profesionais en prazas de difícil cobertura ou especialidades deficitarias, co impulso tamén dunha norma que axilice o procedemento de acreditación de unidades docentes para a formación sanitaria especializada; e, en segundo lugar, reducir os prazos de tramitación e resolución dos expedientes de homologación de títulos de especialista extracomunitarios.

Así mesmo, o benestar dos galegos depende tamén das axudas á dependencia e por iso, de acordo coa lei aprobada en 2006, a Xunta lembra que a participación das comunidades autónomas e do Goberno central debe ser equitativa. Por outro lado, Galicia introducirá o ano que vén a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos para os segundos fillos e sucesivos e, no que atinxe a isto, expuxo Feijóo, o Goberno galego pide a colaboración económica do Estado para que a gratuidade poida introducirse para o 100% das prazas e o 100% dos nenos.

Seguindo cos servizos públicos, a Axenda inclúe unha serie de ingresos procedentes do Goberno de España para os servizos sociais que se considera prioritario recibir. O mesmo, a necesidade de creación de novas unidades xudiciais, sobre todo despois de que non se atendera a petición dun novo xulgado en Lugo.

No relativo á seguridade, Feijóo fixo fincapé en prioridades como completar a dotación da unidade de policía adscrita á nosa Comunidade, con un cento de efectivos máis. Ademais, é preciso, dixo, habilitar o mecanismo necesario para que se poida levar a cabo a comarcalización dos parques de bombeiros das cidades. E, como último apartado deste punto, recóllese que por parte do Estado se axilicen as axudas para que Galicia poida cumprir co obxectivo que establece a UE respecto á extensión da banda larga.

Colaboración culturalA colaboración cultural, co protagonismo do Xacobeo, é o último punto da Axenda Galicia, tendo en conta que se trata dun fenómeno internacional que o conxunto de España debe aproveitar para reforzar a súa imaxe exterior. “Os Camiños de Santiago non son só os que discorren pola nosa Comunidade, senón os que vertebran España e tamén Europa”, abundou o presidente do Goberno galego, que salientou a proposta ao Executivo estatal dun plan estratéxico 2021-2032 e engadiu unha serie de peticións en relación a ese plan. Así mesmo, e por último, a Xunta pide que o Estado manteña o seu apoio ás candidaturas galegas a Patrimonio Mundial.

En definitiva, un financiamento xusto, infraestruturas básicas como o AVE, defensa de miles de empregos, mellora dos servizos públicos e oportunidades como o Xacobeo. “Non hai novidades, a novidade é que o Goberno central cumpra o comprometido”, abundou, aseverando que con estas 25 propostas “volvemos demostrar que nos interesa Galicia, que o noso obxectivo é Galicia, e que Galicia vai por diante”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre