Inicio Galicia A Xunta de Galicia e a fundación social Emaús fan entrega dos...

A Xunta de Galicia e a fundación social Emaús fan entrega dos diplomas do curso de reciclaxe de téxtiles en Vigo

0

As credenciais outorgáronse tras a finalización do cursos de xestión e reciclaxe de residuos téxtiles en Vigo para o que a Administración autonómica achegou preto de 4000 euros nos anos 2017 e 2018

O director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López Chaves, participou hoxe na entrega de diplomas aos participantes no curso de competencias básicas para a xestión e reciclaxe de residuos téxtiles no municipio de Vigo, levado a cabo pola fundación social Emaús e que contou coa colaboración da administración autonómica.

Durante a entrega, o titular do departamento autonómico felicitou aos asistentes a esta acción formativa, enmarcada no Plan de inclusión da Xunta de Galicia, e destacou a importancia deste tipo de formación como medio para axudar á empregabilidade e para acadar unha inclusión real e efectiva.

A Xunta de Galicia destinou 3899 euros para o desenvolvemento deste curso nos anos 2017 e 2018. Ademais, Emaús, recibiu nesas dúas anualidades un total de 140.589,30 euros para a realización doutros cursos e programas como o de competencias básicas para a xestión da economía no fogar ou para itinerarios de inclusión entre outros.

Parrado aseverou que a Xunta seguirá a traballar en prol das persoas máis vulnerables con políticas activas de apoio e integración, como o Plan de Inclusión, cofinanciado parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Así mesmo, seguirase reforzando a orde de axudas a entidades de iniciativa social. De feito o importe consignado na última convocatoria 2018-2020, publicada no DOG o pasado 26 de xuño, multiplicouse por tres con respecto á convocatoria publicada hai tres anos, ata acadar na actualidade os 15 millóns de euros. Así mesmo, o prazo subvencionable aumentou tamén ata os dous anos, o que permitirá unha mellor planificación e estabilidade ás entidades de iniciativa social, así como unha reducción da súa carga administrativa.

E, ademais, traballarase no eido da inclusión a través da aplicación das medidas recollidas na Axenda Social de Galicia, instrumento para combater a pobreza e a exclusión consensuado cos concellos e as entidades sociais.

Por último, o director xeral destacou que o Executivo autonómico segue a aumentar os fondos destinados á área de inclusión, sendo o orzamento deste departamento para o presente ano de 115,2 millóns de euros, un 8% máis que no exercicio anterior.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre