Inicio Galicia A Xunta de Galicia destinará 35.000 euros ao arranxo da cuberta da...

A Xunta de Galicia destinará 35.000 euros ao arranxo da cuberta da vivenda comunitaria de Castrelo de Miño

0
image_gallery.jpg

A Consellería de Política Social e o municipio ourensán asinan un convenio para arranxar os problemas de filtracións e humidades que ten esta instalación


A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos Pérez, asinaron un convenio para que a Xunta de Galicia achegue 35.000 euros para facer fronte ça reforma da cuberta da vivenda comunitaria municipal.

A conselleira de Política Social, que mantivo un encontro co rexedor ourensán esta semana, destacou o compromiso do Goberno galego por continuar mellorando os servizos que se lle prestan aos maiores na nosa comunidade. Deste xeito, a reforma da cuberta permitirá arranxar os problemas de filtracións e humidade que ten esta vivenda e que levaron a ter inutilizada algunha das habitacións.

Durante o encontro que mantiveron, Avelino Pazos manifestou o interese do seu Concello por incorporarse ao programa Xantar na Casa. Polo tanto, a Xunta remitiralle á administración local o documento de adhesión a este servizo do que xa se benefician máis de 175 municipios de toda Galicia.

Xantar na Casa achega un menú diario a fogares de toda Galicia, na súa maioría persoas maiores e que viven en concellos rurais, con dificultades para poder contar cunha axeitada cobertura alimenticia. Este servizo, que se ampliou durante a emerxencia sanitaria, permite a mellora da súa calidade de vida coa entrega dun menú diario equilibrado, ademais de posibilitar o seguimento dos usuarios por parte do persoal que realiza o reparto.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre