Inicio Galicia A Xunta de Galicia convoca unha nova edición do programa para creadores...

A Xunta de Galicia convoca unha nova edición do programa para creadores novos Xuventude Crea

0

A convocatoria, que conta cun orzamento de 117.516 euros, inclúe unha nova disciplina: o skate

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dependente da Consellería de Política Social, vén de convocar unha nova edición do programa para creadores noveis Xuventude Crea. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que como novidade con respecto á edición anterior, inclúe unha disciplina nova, o skate, co que o total de especialidades nas que se poderá participar ascenderá nesta ocasión a 13: artes plásticas (pintura e escultura), banda deseñada, cociña, deseño de xoias, fotografía, graffiti, moda, música, poesía, relato breve, teatro, skate e videocreación. O orzamento total desta edición é de 117.516 euros.

O programa Xuventude Crea está dirixido a mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos cumpridos no ano 2017. Salvo no caso das especialidades de teatro, música, graffiti e cociña, a participación será sempre a título individual. En canto ao prazo de inscrición, este permanecerá aberto dende mañá e ate o vindeiro 21 de setembro. E, ao fío, lembrar que cada unha das especialidades contará con tres premios: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros; e mencións de honra sen dotación económica. Cómpre lembrar que na edición do 2017, participaron un total de 376 mozos e mozas galegas ou residentes en Galicia (228 mulleres e 148 homes) que presentaron 299 proxectos individuais e en grupo. Foron premiados 50 proxectos e 69 participantes. Cada unha das 13 especialidades conta con tres premios, que poden ser compartidos: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros.

A publicación da orde que rexerá as bases da nova convocatoria do Xuventude Crea, coincide este ano coa celebración do Día Internacional da Xuventude, unha data que se conmemora dende hai máis de 30 anos cada 12 de agosto. Este ano, a Xunta de Galicia celebrará esta singular data cunha campaña en redes sociais para poñer en valor os programas e iniciativas dirixidas á xuventude impulsadas polo goberno galego.13 especialidadesMáis polo miúdo e con respecto a cada unha das especialidades, cómpre apuntar que no caso da denominada como artes plásticas inclúe pintura e escultura. O tema e as técnicas para participar serán libres e en escultura o peso máximo da obra non pode superar os 50 quilos. Xunto coa documentación os participantes presentarán un CD con fotografías do proxecto.

Leer más:  Formoso espera que Sánchez siga y acusa al PP de rebasar todas las líneas rojas

En canto á banda deseñada, a temática será libre con textos en lingua galega; a técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor. O formato deberá ser en DIN A-4 ou DIN A-3 e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas. En caso de que a obra fose feita en formato dixital, á parte dunha versión impresa deberá xuntarse un CD ou DVD cos arquivos orixinais. Cada obra deberá levar pseudónimo e título.

Para cociña, os proxectos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros. A receita presentada por cada participante –individual ou en grupo- pode ser a elaboración dun prato salgado ou doce. A base do prato será a utilización de produtos avalados polas diferentes denominacións de orixe de Galicia ou ben pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia. O tempo de elaboración do prato non poderá exceder de 2 horas.

Na categoría de deseño de xoias a colección estará composta por tres pezas. Xunto coa documentación os participantes presentarán unha fotografía de cada unha das tres xoias, que poderán ser tanto para home como para muller.

En fotografía, o tema e a técnica serán libres. Xunto coa documentación os participantes presentarán en CD, unha ou varias fotografías, ata un máximo de 6, en cor ou branco e negro da obra presentada, ficha técnica da obra na que se indicará o título, o ano de realización, a técnica empregada e as dimensións reais.

Leer más:  Los trabajadores de Navantia Ferrol detienen la producción durante cuatro horas

As obras de graffiti o tema e a técnica serán libres e os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros.

No apartado de moda os participantes presentarán unha colección coherente de 5 modelos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas. Así mesmo, haberá que engadir unha ficha técnica da colección e mostras dos tecidos que se empregarán na súa confección.

No ámbito musical poderán participar solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea. Admitirase que ata un 25% dos compoñentes do grupo supere os 30 anos, o mesmo que ocorre para teatro, e poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical cos participantes que se presenten como solistas.

Para poesía o tema e a técnica serán libres. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100, a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4 e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar.

En canto ao relato breve, as obras deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 5 páxinas e máxima de 10, mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4, e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar.

Na especialidade de teatro, poderán concorrer grupos teatrais, non profesionais, compostos por persoas galegas ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2018. Admitirase que ata un 25% das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos ou teñan entre os 14 e 16 anos. As representacións serán en lingua galega. As obras poderán ser de autoría galega, española ou estranxeira e poderán presentarse obras orixinais. duración da representación de cada obra non poderá exceder dunha hora e trinta minutos. Xunto coa documentación os grupos teatrais deberán presentar en DVD unha representación da obra presentada a concurso ou dun ensaio xeral, feito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2017.

Leer más:  Galicia, Euskadi, Asturias y Cantabria unen fuerzas para promocionarse juntas como destinos turísticos sostenibles

A especialidade de skate incluirá dúas disciplinas: street e mini-rampa. A duración da intervención será entre 1 minuto e 1 minuto e 30 segundos. Os participantes xunto coa documentación presentarán unha gravación que recolla unha intervención.

Os participantes de videocreación só poderán presentar obras que non teñan concedidas axudas económicas da Administración autonómica para a súa realización, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes. O tema será libre, máis deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental. Enténdese por experimental a obra que se sitúa fora dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade.

Concurso de deseño do cartel Xuventude Crea 2018A imaxe do programa Xuventude Crea 2018 é obra de Fátima Faílde Fernández, unha moza de Piñor (Ourense), cuxo proxecto resultou gañador no concurso de deseño de cartel convocado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Aparte de ser a imaxe do programa, esta moza recibiu un premio en metálico de 500 euros. A exposición dos proxectos presentados a este concurso pódese visitar no IES Rosalía de Castro en Santiago ata finais deste mes de agosto.


- Te recomendamos -