Inicio Galicia A Xunta de Galicia convoca 21 bolsas para alumnos do Centro Superior...

A Xunta de Galicia convoca 21 bolsas para alumnos do Centro Superior de Hostelería no curso 2019-2020

0

As axudas descontarán unha parte porcentual dos prezos da matrícula dos primeiros cursos do diploma superior en Xestión Hoteleira e do diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña


A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, publica no Diario Oficial de Galicia as bases para a concesión de 21 bolsas destinadas aos alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) no curso 2019-2020.

As axudas consistirán no desconto dunha parte porcentual dos prezos da matrícula en réxime externo da titulación en que se matricule. Haberá bolsas de tipo I, que cobren aproximadamente o 80% da matrícula en réxime externo, e de tipo II, que cobren o 50% da matrícula no mesmo réxime que a anterior. Así, ofertaranse seis bolsas de tipo I e 12 bolsas de tipo II para o 1º curso do diploma superior en Xestión Hoteleira e tres bolsas de tipo II para o 1º curso do diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña.

As persoas interesadas en optar á concesión dunha bolsa deberán ter nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea; non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior; matricularse por primeira vez no curso para o que se pide a bolsa; non ter en vigor unha bolsa ou exención do CSHG, e a renda familiar non debe superar os límites establecidos na resolución. Ademais, para acceder ás bolsas do diploma superior en Xestión Hoteleira deberase acreditar unha cualificación na proba de acceso á universidade ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso igual ou superior a cinco puntos. Mentres, para as bolsas do diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña, deberase acreditar ter superado o bacharelato, o ciclo formativo superior ou outras ensinanzas superiores.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 2 de agosto e deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre