Inicio Galicia A Xunta de Galicia asina convenios con catro entidades do ámbito da...

A Xunta de Galicia asina convenios con catro entidades do ámbito da discapacidade que atenden a máis de 4000 persoas

0

Destínanse preto de 583.000 euros ao financiamento dos servizos e recursos que prestan Agat, Fegerec, Aspaym e Special Olympics


A conselleira de Política Social, Fabiola García, asinou esta mañá catro convenios de colaboración con outras tantas entidades sociais que traballan na atención a persoas con discapacidade co obxectivo de mellorar a atención que recibe este colectivo.

En concreto, os acordos subscribíronse coa Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), a Asociación de Parapléxicos e Grandes Minusválidos de Galicia (Aspaym), a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) e Special Olympics Galicia, e estímase que beneficiarán a máis de 4000 persoas que son usuarias dos servizos e recursos destas entidades.

Coa renovación destes convenios, que se suman aos xa asinados con outras nove organizacións do ámbito da discapacidade que forman parte do Cermi Galicia, a Xunta blinda o financiamento das entidades que actúan na procura da prevención e a mellora da calidade de vida e a plena inclusión destas persoas. A achega económica a estes catro acordos acada preto de 583.000 euros.

No caso de AGAT (315.000 euros), a colaboración diríxese ao mantemento das unidades de atención temperá nas comarcas do Deza, o Salnés e Bergantiños. Trátase dun servizo para nenas e nenos de 0 a 6 anos con trastornos de desenvolvemento ou en risco de padecelos. Co apoio a Aspaym (45.000 euros), a Xunta financia os servizos de información, apoio psicosocial e rehabilitación integral, así como o de transporte adaptado. O convenio con Fegerec (23.300 euros) ten como finalidade potenciar as axudas para a promoción da autonomía persoal do colectivo dos enfermos crónicos e o asinado con Special Olympics (199.400 euros) fai fincapé no fomento do deporte como ferramenta para a inclusión.

Cómpre indicar que todas elas contarán cun anticipo do 80% do importe do convenio, para que xa desde o primeiro momento conten coa liquidez suficiente para continuar co desenvolvemento do seu labor.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre