Inicio Galicia A Xunta de Galicia adxudica por 45.000 euros as obras de restauración...

A Xunta de Galicia adxudica por 45.000 euros as obras de restauración da igrexa de Santa Baia de Palio

0

Actuarase na policromía mural e do presbiterio, no arco triunfal e na nave principal desta igrexa, incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia

A Xunta de Galicia vén de publicar a adxudicación das obras de restauración na igrexa de Santa Baia de Palio, en Lalín, por importe de 45.010,31 euros. Os traballos contemplan actuacións na pintura mural e do presbiterio, no arco triunfal e na nave principal desta igrexa, incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

Concretamente, os labores que se levarán a cabo teñen por obxectivo reparar os danos na policromía mural, causados por factores antropoxénicos e por graves deficiencias arquitectónicas, e solucionar os problemas de encalado e ocos entre o morteiro e o muro, que, debido as súas dimensións, afectan principalmente ao arco triunfal. Ademais, tamén se actuará nos desencalados parciais que produciron a perda de policromía, na perda de adhesión da capa de cor, nas pátinas de biodeterioro e nas costras salinas.

Este investimento súmase á inversión de preto de 130.000 euros que a Administración autonómica xa realizou neste templo e que permitiu descubrir as pinturas murais no muro este do presbiterio.

A igrexa de Santa Baia de Palio é un exemplo de arquitectura único na comarca do Deza debido a súa temperá datación, e á xa presente advocación no século XI. O templo, como é habitual das edificacións da época, correspóndese cunha construción sinxela composta por unha nave rectangular unida a unha ábsida de menor anchura e de planta igualmente rectangular.

Os detalles da adxudicación poden consultarse na Plataforma de Contratos de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre