Inicio Galicia A Xunta de Galicia adxudica dúas parcelas de solo empresarial a...

A Xunta de Galicia adxudica dúas parcelas de solo empresarial a prezos bonificados nos parques de Mos e Negreira

0

Desde o ano 2015, as rebaixas aplicadas sobre o prezo de venda de terreos en parques promovidos polo IGVS ou Xestur contribuíron a colocar máis de 2 millóns de metros cadrados en réxime de compravenda ou en dereito de superficie

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar un total de 6.229 metros cadrados de solo empresarial nos parques empresariais de Mos e Negreira, con bonificacións por un importe de preto de 257.057 euros. Así se acordou esta mañá durante a reunión do Consello de Administración de Xestur Galicia, empresa pública dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Concretamente, no parque empresarial de Mos adxudicouse unha parcela de 5.084 metros cadrados, cunha bonificación de máis de 233.355 euros; mentres que no caso do polígono de Negreira aprobouse a adxudicación de 1.145 metros cadrados de solo, cunha bonificación de máis de 23.700 euros.

Grazas ás rebaixas sobre o prezo de venda do solo empresarial que vén aplicando a Xunta desde 2015, a día de hoxe adxudicáronse xa en réxime de compravenda ou en dereito de superficie máis de dous millóns de metros cadrados nos parques promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e a empresa pública Xestur.

As bonificacións no prezo de venda realizadas durante este período aproxímanse aos 48 millóns de euros, mentres que o valor das parcelas adxudicadas en dereito de superficie supera os 13,6 millóns de euros. Deste xeito, a aposta da Xunta de Galicia por incentivar a actividade das empresas galegas pola vía do estímulo á adquisición de solo traduciuse en preto de 62 millóns de euros desde 2015.

O investimento estimado que realizarán as empresas adxudicatarias de solo bonificado ou en dereito de superficie ascende a máis de 375 millóns de euros e grazas a el calcúlase que se posibilitará a creación de máis de 6.100 postos de traballo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre