Inicio Galicia A Xunta de Galicia aborda o reto da desinformación con expertos e...

A Xunta de Galicia aborda o reto da desinformación con expertos e responsables do plan de acción da UE

0

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo Aller, participou hoxe en Bruxelas nunha reunión da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo Aller, participou hoxe na segunda reunión do ano da comisión CIVEX dedicada case por enteiro ao Plan de Acción contra a Desinformación que a Unión Europea adoptou o pasado mes de decembro. Os representantes locais e rexionais participantes tiveron oportunidade de debater sobre este plan coa Dirección Xeral de Comunicación da Comisión Europea e co Servizo Europeo de Acción Exterior, departamentos responsables de pór en marcha este conxunto de medidas para cortar de raíz as noticias falsas. O plan estrutúrase en catro piares: mellora da detección e denuncia, maior cooperación e respostas conxuntas entre os Estados membros, maior involucración do sector privado nesta loita e sensibilización da sociedade.

Gamallo considerou que a desinformación constitúe un importante reto europeo e mundial ao que se debe facer fronte dende todos os niveis de goberno, e destacou que as rexións e municipios que poden desempeñar un papel relevante en canto a aumentar a capacidade de resistencia da sociedade ante falsos rumores, medias verdades ou mentiras.

O uso de algoritmos, automatización e intelixencia artificial está a amplificar as campañas de desinformación e outras actividades en liña relacionadas. Ante isto, a Unión Europea está sumando esforzos para evitar que se produzan manipulacións. Os representantes locais e rexionais sinalaron, pola súa parte, a necesidade de organizar diálogos e debates cidadáns que desmonten mitos e axuden aos cidadáns a discernir entre información xenuína e desinformación. O fomento de periodismo de calidade, a formación das persoas maiores -máis proclives a crer as noticias falsas- e a concienciación dos propios políticos locais e rexionais son outras das solucións apuntadas polos participantes.

Recursos útiles para actuar contra a desinformaciónOs membros de CIVEX puideron tamén coñecer de cerca diferentes recursos existentes para loitar contra a desinformación como o xogo educativo Bad News, creado por unha plataforma holandesa de consumidores críticos (DROG) en colaboración coa Universidade de Cambridge, que permite difundir noticias falsas en liña para aprender técnicas comúns utilizadas nas campañas de desinformación.

Así mesmo, tiveron coñecemento do Manual do Desenmarascador, unha breve guía que pretende axudar aos comunicadores a comprobar se a información é veraz, e a web posta en marcha pola Comisión Europea EU versus Disinformation despois de que os Xefes de Estado e de Goberno da UE fixeran en 2015 un chamamento sobre a necesidade de contrarrestar a desinformación.

Preparación do próximo ciclo institucional europeoOs membros de CIVEX tamén debateron sobre a súa contribución a unha declaración que o Comité Europeo das Rexións prevé adoptar en xuño na que exporá a súa visión sobre axenda estratéxica da UE nos vindeiros anos, cos novos mandatos da Comisión e o Parlamento europeos. Avogaron por seguir traballando nunha maior implicación das rexións e municipios no proceso comunitario de toma de decisión dado que estes niveis de goberno levan á práctica o 70% da lexislación europea e representan a metade do emprego público, un terzo do gasto e máis da metade do investimento público.

O seu papel na Política Europea de Veciñanza e Ampliación, e na Axenda Europea de Inmigración foron outros dos temas debatidos neste punto. A este respecto, sinalaron a conveniencia de estender o modelo da chamada Iniciativa Nicosia a outros países veciños. Esta iniciativa pon en contacto a autoridades locais libias con autoridades subestatais europeas co obxectivo de mellorar os servizos públicos deste país norafricano e así axudalo no seu proceso de estabilización política.

A Comisión CIVEX do Comité Europeo das RexiónsNo actual mandato 2015-2020, Galicia participa en dúas comisións do Comité Europeo das Rexións (CdR). Unha delas é a de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX), que aborda temas como a ampliación da UE, a axenda migratoria ou a relación cos países veciños da UE.

O CdR é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre