Inicio Galicia A Xunta de Galicia, a punto de adxudicar dúas novas vivendas do...

A Xunta de Galicia, a punto de adxudicar dúas novas vivendas do barrio dos Muíños en Mondoñedo

0
image_gallery.jpg

Trátase de dúas vivendas de tres dormitorios, no edificio 26 da praza dos Muíños, no que o Instituto Galego de Vivenda e Solo investiu preto de 400.000 euros


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adxudicará en breve dúas vivendas emprazadas no números 26 da praza dos Muíños de Mondoñedo, trala rehabilitación que levou a cabo o Instituto Galego de Vivenda e Solo cunha inversión de preto de 400.000 euros. O sorteo de posibles adxudicatarios será mañá mércores, o último paso antes de pechar a adxudicación destas dúas vivendas. Optarán a elas as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda e que cumpran con varios requisitos, o principal, que pertenzan a familias de máis de tres ou catro membros, xa que se trata de vivendas moi amplas.

As obras executadas neste edificio supuxeron unha rehabilitación integral do inmoble, respectando a singularidade da fachada actual, construída en recebado de cal sobre pedra e formigón. Entre as características construtivas deste proxecto de rehabilitación destacan tamén as fiestras exteriores de madeira de castaño ou pino, pavimentos interiores de baldosa de gres e tarima de madeira de carballo e cuberta de lousa con cravos de aceiro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, sinalou que “con esta rehabilitación conseguimos dous obxectivos: por unha banda, incrementar a oferta de vivendas a prezos accesibles grazas aos dous inmobles resultantes tras a obra e, en segundo lugar, a posta en valor dun espazo público no barrio dos Muíños, un dos máis singulares da localidade”.

Tanto a Xunta de Galicia como o Concello de Mondoñedo están a realizar desde hai anos un importante esforzo na rehabilitación deste barrio, primando a recuperación de rúas, a posta en valor desde o punto de vista turístico, e tamén o impulso empresarial favorecendo a implantación de negocios de artesanía.

As persoas interesadas en optar a algunha destas promocións poden inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma, accesible tanto a través da sede electrónica como nas oficinas do IGVS. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre